26 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Ribadeo critica a falta de talante do equipo de goberno ao non negociar cos hostaleiros o apoio á celebración do campionato de España de baloncesto feminino

09-03-17

Ribadeo, 9 de marzo de 2017. O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ribadeo denuncia a falta de talante do equipo de goberno ao non ser capaz de negociar coa hostalería a posibilidade de apoiar a celebración na vila do campionato de España feminino de baloncesto. Resposta así as manifestacións sobre este asunto realizadas onte polo alcalde, Fernando Suárez.

O portavoz dos populares no Concello ribadense, Jesús López Penabad, manifesta que “con respecto ás declaracións que fixo o noso alcalde, Fernando Suárez, falando de que Ribadeo lle paga aos provedores case ao día, hai que dicir que hai unha lei estatal feita polo goberno do PP que así o obriga, polo tanto é o que ten que facer. Ademais é sorprendente que 14 anos despois se siga acordando dos gobernos municipais do Partido Popular en Ribadeo”.

Para López Penabad “unha cousa son os ditos e outra son os feitos. Aquí parece ser que o problema foron 3.000 euros. Pero realmente o gran problema é que o talante do equipo de goberno, que durante os últimos anos sempre presumiu de negociación e de falar coa xente, neste caso brillou pola súa ausencia. Nesta ocasión non tivo oportunidade a hostalería, que é o sector máis afectado pola non celebración deste campionato de baloncesto, nin de negociar con eles nin sequera de falar, pois dende o goberno municipal nin se dignaron a darlles audiencia para poder chegar a un acordo e non perder un fin de semana como podía ser ese en Ribadeo”.

O portavoz do PP engade que “di o responsable de Deportes que quedaron emprazados para outros anos. Eu desde logo dubídoo bastante porque xa se ocuparán os outros concellos de mantelos e de axudarlles a celebralo porque unha oportunidade coma esta non se pode perder. E sobre todo non se pode perder por falta de talante e de negociación. Non se lles dá oportunidade aos realmente afectados a participar e a axudar, que é o que lle criticamos ao equipo de goberno”.

O representante popular denuncia “esta prepotencia de dez concelleiros con maioría absoluta que campan as súas anchas en Ribadeo e fan o que lles parece sen contar neste caso coa hostalería, que é a realmente máis afectada por perder ese campionato nese fin de semana de maio que falamos”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive