25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os penaltis clasifican ó Pescados Rubén para a final irmandiña

09-03-17

josecarlos-pronecopagalicia17Burela 9-3-17. O Pescados Rubén Burela FS é finalista na XXVI Copa Galicia tras impoñerse onte ao Prone Lugo AD nunha cita moi rifada que se decantou a favor dos mariñáns nos penaltis despois do 2-2 no tempo regulamentario. “Foi un partido moi emocionante, coma todos os derbis. Dispuxemos de moitísimas ocasións e ao final complicóusenos máis da conta por non estar acertados pero tamén polo gran partido do porteiro rival”, explicaba Isi, autor do 2-2 e do terceiro penalti para os laranxas.

Os de Tomás de Dios tiveron que estrelarse unha e outra contra o acerto dun inspirado Kelvin baixo os paus. Ata o inicio do segundo período o Pescados Rubén, con infinidade de ocasións, non puido perforar a rede; foi nas zapatillas de Renato, que cazou o esférico nun rexeite. O Prone reucuperou táboas, antes de chegar ao ecuador, de Kevin Rengifo, e púxose por diante con Jacob, en contragolpe. O xogo de cinco inmediato, con Antoñito á fronte, deulle o 2-2 aos laranxas na recta final cun lanzamento exterior de Isi.

Os de Tomás de Dios non erraron nos penaltis con Iago Rodríguez, Iago Míguez e Isi; nas filas luguesas Edu parou a primeira tentativa, de Jacob, e Caique acertou.

A segunda semifinal decidirase esta noite (21.00 horas) entre Noia FS e Santiago Futsal. A final está prevista para o 1 de maio, con sé pendente de confirmación. “Non teño ningunha preferencia de rival para a final; o que estamos desexando é xa xogar a final e que por fin poida chegar este título para Burela” sentenciaba Isi.

Os mariñáns retomarán os adestramentos o vindeiro luns, 13 de marzo, nunha semana con outra proba de ouro, coa visita á pista do pechacancelas, Bodegas Juan Gil Jumilla FS (6 puntos), o sábado ás 18.30 horas (xornada 24).

Ficha técnica

Prone Lugo AD: Kelvin, Jacob, Porto, Caique, Kevin Rengifo, cinco inicial; tamén xogaron Poti, Ary, Adrián, Luis Longo, Gilbert, Samuel

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Bellvert, Antoñito, José Carlos, cinco inicial; tamén xogaron Isi, Iago Rodríguez, Carlitos, Cuco, Renato, Hélder

Goles: 1-0, minuto 22, Renato; 1-1, minuto 29, Kevin; 2-1, minuto 35, Jacob; 2-2, minuto 40, Isi. Penaltis: Iago Rodríguez (gol), Jacob (erro), Iago Míguez (gol), Caique (gol), Isi (gol)

Incidencias: Partido correspondente a semifinais de Copa Galicia disputado en Lugo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive