22 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A creación dunha oficina virtual de turismo na Mariña, o plan avanza ou a situación do tren na comarca, serán algúns dos asuntos que se analicen no pleno da mancomunidade de municipios, que se celebrará o 24 de abril en Lourenzá

19-04-17

A Mariña, 17 de abril de 2017. O vindeiro luns, 24 de abril, terá lugar en Lourenzá un pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Mariña. Será a partires das 20 horas.

O presidente Alfredo Llano contou que “en Lourenzá o día 24, entre outras cousas, vai tomar posesión unha vocal representante do Concello de Cervo, Manuela Méndez Álvarez, que substitúe a José Manuel Balseiro neste posto. Outro tema que é interesante, sobre todo para os Concellos que estamos no plan de emprego Avanza, é a adxudicación do contrato de servizos de formación específica do programa integrado de emprego. É para aprobar que unha empresa que xa foi seleccionada se poida facer cargo da formación destas persoas, que son 60, en diferentes ámbitos como o da hostalería, o da agricultora e xardinería e o da axuda no fogar. Estas tres modalidades de formación vanse tratar de dar en tres sitios fundamentalmente, un deles vai ser Burela, outro será posiblemente Barreiros e outro máis Mondoñedo”. O presidente da Mancomunidade lembrou que “hai que buscar a integración de 21 persoas nun emprego durante 3 meses. Isto xa vai moi avanzado, pois agora mesmo xa están traballando unhas 11 persoas e por tanto quedan moi poucas para completar as 21 que hai que empregar. E isto farase nestes próximos días”.

Llano explicou que “vamos falar tamén do estado do expediente de modificación dos estatutos a petición do Concello de Viveiro, que queremos incorporalo de feito para que estea completamente integrado na Mancomunidade o Concello de Viveiro, aínda que dalgunha maneira xa está porque forma parte dos 16 concellos que compoñen a Mancomunidade, pero formal e estatutariamente non están. Consideramos que isto vai ser moi rápido e proximamente faremos se fai falta un pleno extraordinario para incorporar de feito a Viveiro como un membro máis da Mancomunidade de maneira formal”.

O presidente da Mancomunidade indicou que “tamén vamos falar sobre a creación dunha oficina virtual de turismo na Mariña. O Concello de Foz ofertou o edificio do Cenima para poder centralizar alí todo o que teña que ver co turismo da Mariña e vamos a ver se formalizamos este luns xa como facelo e analizar o que podemos ter dunha maneira permanente no Cenima para que sexa unha boa representación en cuestións turísticas da Mancomunidade. É bo aproveitar a circunstancia de ter un edificio onde poida haber de maneira case permanente exposicións e encontros para a promoción turística da Mariña”.

Outro dos asuntos que se abordarán no pleno do vindeiro luns “posiblemente tamén falaremos un pouco do tren, pois xa se coñecen as polémicas que está habendo ultimamente con respecto ao tren entre Ribadeo e Ferrol. Temos que buscar unha solución compartida entre todos os Concellos, non soamente os da Mariña senón tamén os da provincia da Coruña. Debemos traballar todos na mesma dirección para procurar non soamente evitar que desapareza este tren senón que se melloren os servizos e que se potencie este medio de transporte para que sirva para incrementar o valor da nosa comarca”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive