Burela, 28 de abril de 2017. No pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello de Burela aprobáronse as obras a incluír no plan Único de Deputación e tamén o plan estratéxico de subvencións para o período 2017-2019. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que os investimentos recollidos no plan Único “son fundamentais para o noso concello”.
O rexedor explicou que “acabamos de celebrar un pleno extraordinario máis que nada para aprobar o plan Único da Deputación Provincial. Entre o que aporta a Deputación e o que pon o Concello para o POS suman aproximadamente 343.000 euros. Vamos investilos en obras que son boas para o noso concello, como a reposición de pavimento e mellora de marcas viarias, que leva un orzamento de aproximadamente 119.000 euros; a reposición de beirarrúas, cun orzamento de case 60.000 euros; e a mellora de accesibilidade, para a eliminación de barreiras arquitectónicas, que ten uns 25.000 euros de orzamento”.
Llano declarou que “isto é fundamental para o noso concello. Xa se está vendo estes días que estamos facendo moitas obras tanto de asfaltado como de reposición de beirarrúas e pintado. Pero consideramos que hai que actuar en máis sitios e por iso se elixiron esas tres obras”.
O alcalde burelés engadiu que “a maiores vai un programa do Servizo de Axuda no Fogar, que leva un investimento de 39.000 euros; temos o programa Depu Emprego, que é moi interesante pois xa temos a experiencia da edición anterior, na que tivemos a seis persoas, e agora vamos ter a nove profesionais e poñerémolo en marcha a partir do 31 de outubro deste ano cun investimento de 79.000 euros. Tamén temos un programa de actividades culturais e deportivas, que leva 16.000 euros, e outro de eventos turísticos, con unha axuda de 6.000 euros”.
Alfredo Llano dixo que “este pleno serviu para aprobar estes orzamentos e ao mesmo tempo o plan Único cos votos favorables dos concelleiros do equipo de goberno mentres que os da oposición, tanto o BNG como o PP, abstivéronse”.
O rexedor contou que “tamén aprobamos algo moi interesante para aplicalo xa no noso concello, que é un plan estratéxico de subvencións para o período desde este ano 2017 ata o 2019. Este plan estratéxico é basicamente para ordenar e ter unhas bases moi ben establecidas, claras e de acordo co que esixen agora por lei as diferentes administracións. É unha normativa con todas as garantías que basicamente se vai basear na publicidade e transparencia, a concorrencia, a obxectividade e os principios de eficacia e eficiencia. Vamos aplicalo xa. Realmente é bo que os concellos teñan unha referencia na que basearse para outorgar as diferentes subvencións e polo tanto é o que imos facer a partir de agora, despois de que xa se aprobou hoxe esta nova regulamentación chamada plan estratéxico de subvencións. Xa se sabe que imos abarcar o máximo posible en canto a todo tipo de subvencións que poidamos dar, tanto a asociacións como a centros educativos e para actuacións relacionadas con turismo, medio ambiente, cultura, etcétera. Espero que resulte moi eficaz para que a concesión das subvencións sexa o máis transparente e se aproveiten o mellor posible”.