20 de Agosto de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Moción do BNG para solicitar a creación dunha praza estrutural de enfermeira/o especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a) no centro de saúde de Foz e para recuperar os servizos sanitarios perdidos no Concello

16-05-17

Foz, 16 de maio de 2017.EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A asistencia sanitaria é un dos servizos básicos que máis valoran os cidadáns en todos os estándares de calidade de vida. Nos últimos anos, o Concello de Foz sufre unha merma histórica nos servizos sanitarios. Á perda da ambulancia nocturna, sumouse a perda das urxencias de tarde, a perda dunha praza de auxiliar de enfermería, a sistemática non cobertura das baixas (ou coberturas parciais por medias xornadas durante meses), a non cobertura da reducción de xornada do Servizo de Pediatría, a carencia sistemática de PSX para a atención nas citacións e un longo etcétera.

O BNG non renunciou nin renuncia a estes servizos, mais non se conforma con só recuperalos, porque a presenza ou non de certos servizos sanitarios determina a decisión de moitos cidadáns para asentarse no concello.

Entre os moitos servizos sanitarios do SERGAS, a enfermeira/o especialista en obstetricia-xinecoloxía (Matrón/a) é unha categoría profesional recoñecida que, ademais das funcións que realiza na atención ao parto, ten outras que realiza na atención primaria e que son de enorme importancia para a saúde reproductiva das mulleres: encárganse de realizar citoloxías, informar sobre métodos anticonceptivos, asesorar no climaterio e coordinar esforzos para a detección do cancro de cérvix. Son as matronas as que teñen formación específica para atender a saúde reproductiva das mulleres e nas súas visitas intervense na saúde sexual, prevención de lesións do solo pelviano, menopausia e planificación familiar. Ademais, informan sobre técnicas de cuidado dos bebés e da súa crianza, sendo fundamentais para que as mulleres teñan información e axuda coas súas lactancias.

A ausencia de matrona nun concello como o de Foz, cunha natalidade das máis altas da provincia (segundo os dados do Instituto Galego de Estatística) é indefendible e unha clara discriminación con respecto a outros concellos que con moita menos poboación e sen a natalidade de Foz, como Mondoñedo e Barreiros, contan, por decisión política arbitraria, con asistencia de matrón/a, como tamén teñen outros da nosa controna de semellante tamaño e natalidade, e como se contemplaba no Centro de Saúde de Foz que tiña espazo físico para esta figura, mais nunca foi dotada.

Por estes motivos o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Foz a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Que o Concello realice as xestións necesarias ante o Sergas para crear unha praza de enfermeira/o especialista en obstetricia-xinecoloxía (Matrón/a) no CS de Foz.
2. Que o Concello realice as xestións necesarias para recuperar os servizos sanitarios perdidos durante a xestión do PP, especialmente o Servizo de Urxencias sanitarias de tarde.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive