11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mancomunidade de municipios da Mariña e a FCAM constituirán unha mesa de traballo para a promoción do turismo e a demanda de infraestruturas para a comarca

16-06-17

160617 Foto xuntanza FCAM e MancomunidadeA Mariña, 16 de xuño de 2017. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña e a FCAM constituirán unha mesa de traballo para definir as liñas a seguir conxuntamente nos vindeiros meses de cara á promoción turística da comarca como xeodestino único, e para demandar tamén mellores infraestruturas e servizos para esta zona. O acordo foi acadado nun encontro mantido nas últimas horas entre representantes de ambas entidades.

O presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfredo Llano, explicou que “despois de ter as reunións que tiven a semana pasada tanto coa Axencia de Turismo da Xunta de Galicia como coa Deputación de Lugo, pensei que era bo facer unha reunión coa FCAM que xa tíñamos pendente para falar de varios asuntos. Basicamente o que fixemos foi orientar os nosos esforzos ao desenvolvemento integral da comarca da Mariña, e sobre todo pensando no turismo como unha faceta económica, social e cultural moi importante”.

Llano anunciou que “na reunión de onte sacamos varias conclusións. Unha delas é que imos traballar todos para complementarnos, para axudarnos, motivarnos e estar aí aportando todos o que poidamos co único fin do desenvolvemento da comarca da Mariña en todos os aspectos. Tomamos a decisión de facer unha mesa de traballo constituída por medio da Mancomunidade. Informarei disto no próximo pleno ordinario, que podería celebrarse o 28 de xuño, para que todos aqueles concellos que queiran formar parte da mesa de traballo se poidan incluír. Nesa mesa imos definir os produtos de turismo que queremos fortalecer, e pensar o que nos vaia ben para ter un turismo fluído, non masificado, sostible no tempo e constante durante todo o ano e que non se oriente unicamente a dous meses de verán”.

O presidente da Mancomunidade engadiu que “estivemos falando de qué tipo de eventos podemos facer para que se coñeza A Mariña no estado español. Onte estivemos debatendo, pero imos traer máis iniciativas e ideas máis concretas. Imos tratar de pechalo en sucesivas reunións e darlle un sentido práctico e concreto”.

Alfredo Llano dixo que “estivemos falando tamén de que a nivel institucional debemos insistir en recuperar servizos ou amplialos. Por exemplo, mellorar a 642 para a que levamos moito tempo solicitando melloras, que se poña en marcha xa dunha vez a autovía de Barreiros a San Cibrao, ou reclamar o tren como medio para o desenvolvemento integral da comarca. Solicitar polo tanto os servizos que sexan necesarios, e ter na Mariña todo aquilo que sexa bo para que entre todos poidamos aproveitalo, gozalo e que outra moita xente que poida vir tamén estea aquí a gusto”.

O presidente da Mancomunidade relatou que “falamos dos programas e proxectos que a través da Mancomunidade estamos a desenvolver todos estes anos, o que fixemos o ano pasado e o que temos programado para este ano. Hai que ter en conta que tamén nos vai botar unha man a Deputación, antes estaba soamente a Axencia de Turismo, pero agora a través da Deputación tamén imos ter uns medios económicos para seguir aplicando programas que vaian ben para o turismo”.

Alfredo Llano engadiu que “hai unha serie de ideas moi boas que imos levalas adiante este segundo trimestre. Entre elas están os cursos de formación que xa comezaron o ano pasado, pero tamén vai haber a proposta de audio guías para aplicalas en diversos lugares que son interesantes como As Catedrais, mosteiros ou sitios que puideran necesitar dunha audio guía”.

O presidente da Mancomunidade fixo fincapé en que “estamos todos de acordo en defender A Mariña como un xeodestino único, A Mariña como comarca e como destino, que todos os concellos colaboremos e axudemos para que isto sexa unha realidade porque se un concello vai ben seguro que os que están ao lado tamén irán ben. Imos procurar que isto sexa unha defensa unitaria da comarca e ao mesmo tempo pensamos que iso vai traer uns claros beneficios para cada un dos concellos que conformamos a Mancomunidade”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive