18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cilene: ‘espero mellorar o vindeiro ano, buscando títulos’

13-06-17

cilene-renovacionBurela 13-6-17. A brasileira Cilene Pereira Paranhos continuará no Pescados Rubén Burela FS en 2017-18. A peche, acompañada polo presidente laranxa, Manuel Blanco, e pola vicepresidenta, Cesarina Fanego, mostrouse moi contenta pola súa continuidade: “Persoalmente foi unha tempada moi boa e espero mellorar para o próximo ano, buscando títulos. A negociación foi moi doadal; tanto o club coma min tiñamos claro o que queriamos e decidimos renovar por unha tempada” explicaba a 16 laranxa.

Tras a súa primeira experiencia deportiva lonxe do Brasil, Cilene aposta por seguir medrando no fútbol sala español: “Foi difícil estar lonxe da familia pero, aos poucos, foi máis doado, tiven a visita do meu marido, e agora xa estou totalmente adaptada; espero facer un ano mellor”, explicaba a canarinha humildemente, cos 30 partidos de liga disputados, 23 deles como titular, e 17 dianas na súa cuadrícula particular, que a colocaron como a segunda máxima goledadora laranxa.

Desde a directiva, Manuel Blanco e Cesarina Fanego aplaudiron a renovación de Cilene como “unha garantía na solidez do proxecto de Pescados Rubén”. “Cilene soubo adaptarse á perfección á filosofía do club, demostrando o seu gran nivel tanto defensiva coma ofensivamente” encomiaba así o traballo da brasileira o presidente laranxa incidindo na aposta da entidade polo equipo feminino: “Seguiremos apostando polo fútbol sala feminino, baseándonos no proxecto actual e traballando en incorporacións de calidade”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive