27 de Xuño de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Moción do grupo municipal de Foz plataforma de futuro para solicitar á Xunta, mais concretamente a Augas de Galicia que dote de partida presupostaria para o cambio da tubaxe de saneamento e auga na Avda. da Mariña

15-06-17

Foz 15-6-17. O Grupo Municipal de Foz Plataforma de Futuro, Luís Alfonso Sixto Legaspi, Juan Luís González Riveiro e María Peña Rubiños Fernández a través do seu voceiro Luís Alfonso Sixto Legaspi presenta para o seu debate e aprobación no pleno deste Concello a seguinte moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Nos pasados días comezaba unha obra moi importante para o noso Concello, e máis concretamente no Casco Urbano de Foz, como é a remodelación da Avda. da Mariña, obra que na firma do Convenio que se realizou o 16/07/2016 na Casa Consistorial ascende a un importe de 860.000€. Esta actuación inscríbese no Plan Urbe, posto en marcha no 2010 e que ten un triple obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración Autonómica e os Concellos; e promover o re equilibrio territorial en Galicia.
Esta avenida fai uns anos tivo unha importante inversión para a recollida de augas pluviais, despois de que durante moito tempo os veciños e comerciantes desta rúa sufriran importantes inundacións cada vez que chovía fortemente.
Despois de ter aceso ó proxecto observamos como nesta importante cantidade de diñeiro que se destina para facer esta obra non están incluídas dúas necesidades imperiosas que ten esta rúa, e así, se lle fixo saber ó Alcalde do Concello de Foz, dende “Foz, Plataforma de Futuro” en varias ocasións, como son a renovación da tubaxe de saneamento, actualmente cunha antigüidade de máis de 40 anos e tubos de cemento de 300mm e 1metro de lonxitude cada tubo polas dúas marxes da estrada, e a tubaxe da auga polas dúas marxes da estrada, tamén cunha antigüidade de máis de 40 anos, tubos de fibrocemento de 100 mm e algunha acometida para as vivendas aínda en chumbo.
Na reunión que houbo na Casa da Cultura do noso Concello o 26/05/2017 para informar ós veciños e veciñas do proxecto desta rúa, houbo veciños que se preocuparon por este importante tema, xa que entenden como entendemos dende FPF que invertendo tanto diñeiro nesta obra, non é de recibo deixar sen cambiar os servizos que hai enterrados, poñendo moi bonita a rúa e deixando unha bomba debaixo , o que vai provocar que dende que estea rematada esta obra vai volver a ter que levantarse, como está sucedendo noutras rúas que se cambiou o firme e agora está parcheado novamente.Dentro duns anos estará remendada esta rúa e vai haber que proceder novamente ó seu levantamento e procederse á renovación do saneamento e da rede de auga o que vai provocar un novo prexuízo para os comerciantes os veciños e un incremento moi importante do gasto, xa que é moi distinto proceder a facer o cambio deses servizos agora en obra que non despois con obra nova.
O ideal era que se cambiara todo o tramo que se vai ver afectado por estas obras, pero xa o tramo dende Abanca ata a parada de taxis o vemos como practicamente imposible, xa que vai a obra bastante avanzada, pero estamos a tempo de corrixir un erro importante como corriximos o proxecto da Rúa Álvaro Cunqueiro, e o equipo de Goberno accedeu a incluír a proposta de FPF para a renovación da rede do saneamento, rede de augas e poñer nova a rede de augas pluviais.
Pedimos á Corporación aprobar por unanimidade esta moción, para cando sexa remitida ó organismo correspondente vexan que é unha inversión necesaria e importante, e un aforro de diñeiro para un futuro non tan lonxano.
Por todo o anteriormente exposto propoñemos á Corporación Municipal a aprobación do seguinte acordo:
-Solicitar á Consellería de medio ambiente, territorio e infraestruturas da Xunta de Galicia , e máis concretamente a Augas de Galicia, faga o estudio pertinente e poña a partida presupostaría suficiente para a renovación da rede de saneamento e rede de auga potable na Avda. da Mariña aproveitando as obras que se están a realizar de humanización desta rúa, da que xa dispoñen o proxecto e hai acordo de convenio entre as dúas administracións.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive