27 de Xuño de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Grupo Provincial do PP demándalle á Deputación de Lugo que elabore, presente e someta ao seguinte Pleno o Plan Estratéxico de Subvencións

14-06-17

Lugo, 14 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP demándalle á Deputación de Lugo que elabore, presente e someta á aprobación do seguinte Pleno o Plan Estratéxico de Subvencións, posto que xa teñen transcorrido máis de dous meses desde que se aprobaron os Orzamentos da institución provincial para o ano 2017 sen que nada se saiba deste documento que debe procurar e garantir a simplificación e racionalización de convocatorias e trámites públicos para a concesión de axudas públicas.

Os populares recordan que o equipo de Goberno traballou en 2016 cun Plan Estratéxico de Subvencións do ano 2015 prorrogado e consideran que no presente ano, os socialistas deberan ter en conta, ademais da lexislación aplicable, a proposta sobre a elaboración dun Plan Estratéxico aprobada pola FEGAMP, o mesmo que se tiveron en consideración os criterios obxectivos en materia de financiamento local para a aprobación do Plan Único cos Concellos.

De feito, existe unha resolución de Presidencia do 5 de xullo de 2016 na que se acorda, ademais de prorrogar o Plan Estratéxico de Subvencións de 2015, impulsar a tramitación e aprobación dun novo plan que teña en conta as previsións do Orzamento do exercicio 2016 e ponderando a posibilidade de darlle unha dimensión plurianual.

Un documento de suma relevancia
A popular precisa que, en aplicación da lexislación vixente, para que a administración estableza e conceda subvencións é obrigatorio que previamente leve a cabo a aprobación dun Plan Estratéxico de Subvencións. Nese documento, tal e como fixan as bases de execución do Orzamento da Deputación de Lugo para o ano 2017, débense concretar os seus obxectivos e efectos, prazo para a súa consecución, custos previsibles e fontes de financiamento.

Desde o PP remarcan a importancia deste documento, en tanto en canto a normativa legal vén a configurar o Plan Estratéxico como o marco a través do cal debe realizarse a política de subvencións das administracións públicas. Nas liñas de subvencións recollidas no plan deben explicitarse as áreas de competencia afectadas e os sectores cara os que se dirixen as axudas, os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, así como o prazo necesario para a súa consecución, os custos para a súa realización e as fontes de financiamento e o plan de acción.

Desde o PP reivindican a necesidade de contar con este plan co obxectivo de mellorar os niveis de eficiencia e eficacia na xestión do gasto público subvencionable. “Supón unha forma de evidenciar qué se fai e qué resultados se obteñen co diñeiro público da Deputación que se materializa a través do gasto subvencionable e en qué medida se lle dá resposta ás demandas socio-económicas dos administrados”.

“Contar con este plan vainos permitir avaliar se as subvencións cumpren co obxectivo pretendido, a adecuación das liñas, así como o uso correcto da xestión dos recursos públicos que emanan da administración provincial”, detalla.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive