27 de Xuño de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Valoración do BNG dos dous anos de goberno do PSOE en Burela

16-06-17

Dous anos non son nada…

Burela 16-6-17. Iso se soe dicir para quitar ferro a certas situacións cotiás. Tamén se pode aplicar ó concello de Burela, posto que esta semana cumpríronse dous anos de mandato real de Alfredo Llano á fronte do goberno local (a súa investidura celebrouse o 13 de Xuño de 2015). Un tempo no que se poden extraer conclusións esclarecedoras pero desalentadoras para o noso futuro.

A nivel de xestión, o que mais preocupa a este que aquí escrebe é o nulo cumprimento dun programa electoral que tiña a remunicipalización de servizos por bandeira, pero ningún deles pasou ás mans públicas do concello. Xa o repetimos en moitas ocasións e por diversas canles.

En canto a participación veciñal non se mellorou tampouco moito, poucas veces escoitaron as nosas propostas nestes senso, mais alá de permitir a unha representante de veciños e comerciantes participar co noso tempo e o noso espazo no último pleno ordinario.

Isto no mais concreto, no mais tanxible. De xeito moito mais global, e tamén mais abstracto, dá a impresión de existir gran desconfianza e incerteza cara o desenvolvemento futuro da nosa vila. Algo do mais lóxico cando non se leva a cabo o prometido e cando algúns axentes políticos traballan para intereses minoritarios e afastados do ben común.

E non só iso. Cun alcalde incapaz de esixir solucións para os veciños de parte da Xunta en infraestruturas tan cruciais como a Escola Infantil ou a EDAR e cun ex alcalde do PP moi caladiño cada vez que dende Santiago ou Madrid nos maltratan cos orzamentos.

Como colofón, desatouse unha gran polémica co que parecían unhas simples obras de rehabilitación viaria polo centro de Burela, por unha pésima xestión carente de total empatía do alcalde cara os veciños.

O resultado, unha gran división entre a veciñanza. Se cadra para algúns é o escenario perfecto para artellar as súas estratexias políticas. Xa o fixeron no pasado e non dubidarán en tentar aproveitarse, aínda que teñan que ir contra o interese do conxunto da veciñanza.

Non semella inxusta esta situación para quen debe guiar o rumbo do noso municipio, posto que dá a impresión de gobernar só en determinadas zonas, dando as costas a outros barrios, nos que non vive tanta xente, pero que merecen a súa consideración de tódalas maneiras.

Para quen é inxusto é para as burelás e os burelaos, que se ven metidos no medio das leas do bipartidismo clásico PP-PSOE e dende logo non merecen a desunión latente nestas datas. Mentres non solucionamos de xeito amigable as situacións mais miúdas, non reclamaremos de xeito conxunto débedas históricas coa nosa vila e a nosa comarca: unha estrada da costa que non sexa un perigo mortal, unha autoestrada permanente, un servizo ferroviario útil e eficiente, unha sanidade de garantías, unha educación que non retroceda…temas onde aqueles que nos gobernaron sempre teñen moito que calar.
Dende o BNG traballamos sempre mirando o interese xeral de tódalas veciñas e tódolos veciños, por iso reclamamos un Plan Integral de Mobilidade e Seguridade Viaria naquela temática puntual…e tamén por iso temos defendido melloras en tódolos puntos que enriba se citan.

Fai dous anos, antes das eleccións, publicamos o FARO para poñer luz na escuridade na que o PP tiña sumida á vila de Burela. Se cadra temos que acender o Faro de novo para poñer luz sobre o noso futuro, o futuro de Burela.

Mario Pillado Mon
Voceiro BNG Burela

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive