22 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Valedora do Pobo admite a trámite a denuncia do Grupo Provincial do PP sobre a opacidade e obstrución da Deputación de Lugo no acceso á información

13-07-17

Lugo, 13 de xullo de 2017.- A Valedora do Pobo vén de admitir a trámite a denuncia do Grupo Provincial do PP sobre a opacidade e obstrución da Deputación no acceso á información, en concreto sobre a Relación de Postos de Traballo nominativa, o que vulnera o dereito fundamental recoñecido no artigo 23 da Constitución Española, tal e como recollen varias sentenzas. Os populares presentaron ademais un recurso de reposición contra a resolución de Presidencia con data de 21 de xuño de 2017, así como unha nova solicitude para demandar a documentación requirida para que Darío Campos reconsidere a súa postura.

O Grupo Provincial do PP toma esta determinación tras serlle denegada a solicitude de expedición de copia da relación de postos de traballo nominativa da Deputación provincial de Lugo e as súas entidades dependentes: Suplusa, Fundación TIC e Consorcio de Bombeiros. Desde o PP explican que basta ver as últimas resolucións de Presidencia para comprobar que, tanto as adscricións temporais de postos, como as atribucións temporais de funcións, se están a converter en algo demasiado habitual.

Desde o PP lamenta que no PSOE “presuman de transparencia cando os feitos acreditan que lle ocultan información á cidadanía, o que vulnera dereitos fundamentais recollidos na Constitución”. Os populares pregúntanlle ao presidente da Deputación qué esconde para non querer facilitar a información.

A Deputación bota man dun argumento basto e simplista
Desde o PP demandan esta información co fin de exercer o labor constitucionalmente atribuído de control político dos órganos de Goberno da Deputación, un traballo ao que o PSOE da Deputación trata de poñerlle trabas de xeito reiterado. Precisan que denegar o acceso a esta relación en base a que non existe ningún documento ao que se denomine formalmente “relación de postos de traballo nominativa” é un argumento que pode tacharse de basto e simplista e que busca exclusivamente a opacidade e a vulneración do dereito fundamental de acceso á información pública.

De feito, os populares consideran inconcibible que a Deputación Provincial fose capaz de xestionar cun mínimo de coherencia e eficacia o persoal se non se atopa en condicións de coñecer os nomes e apelidos dos seus empregados e os postos que desempeñan.

Resposta do presidente da Deputación
Tras ser solicitada esta documentación por vía oficial o pasado 16 de xuño, desde a Deputación de Lugo denegouse o acceso argumentando que non existe un documento identificativo como relación de postos de traballo nominativa e actualizada e que a información relativa ás entidades dependentes da Deputación deben requirirse a estas últimas, en tanto gozan de autonomía e independencia.

Tras esta negativa o Grupo Provincial do PP formulou unha nova solicitude de acceso e copia á información a fin de facilitar o cumprimento por parte do presidente do seu deber de facilitar aos membros da Corporación cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función, en virtude do art.77 Lei 7/1985, do 2 de abril.

En concreto, pídese acceso e copia da relación nominativa da totalidade dos empregados públicos da Deputación, así como dos seus tres entes dependentes:. Suplusa, Fundación TIC e Consorcio de Bombeiros. Desde o PP suxírenlle ao equipo de Goberno que busquen esta información no Rexistro de Persoal da Deputación de Lugo, un rexistro de carácter preceptivo que debera estar permanentemente actualizado. Tamén se suxire que fagan uso da base de datos de persoal prevista no artigo 46.4 da Lei 2/2015 na que debe estar esta relación, xa que a aposta polas TIC da que presume o Goberno provincial seguramente non se esqueceu da informatización básica da administración provincial.

En relación coas entidades dependentes, desde o PP lembran que tanto Suplusa, como a Fundación TIC e o Consorcio de Bombeiros se atopan adscritas á Deputación, a quen lle corresponde a súa supervisión e control en materia orzamentaria e de persoal. Recordan ademais que a función constitucional de control do funcionamento da Administración dos Deputados Provinciais esténdese ao das súas entidades dependentes, que non son senón entidades instrumentais ao servizo da entidade territorial tal e como fixa a xurisprudencia.

Xurisprudencia relacionada
Desde o PP lembran que existe unha sentenza 329/2012, do 19 de decembro, do Xulgado do Contencioso Administrativo número 13 de Sevilla na que se declara a nulidade por vulnerar o dereito fundamental dos deputados demandantes da resolución pola que se denega a expedición de copia da relación nominativa do persoal da Deputación de Sevilla e entidades dependentes.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive