25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta consolida a conservación dos hábitats naturais da costa galega a través dunha campaña de loita contra as especies exóticas invasoras

12-07-17

Pontevedra, 12 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia consolida a conservación dos hábitats naturais da costa galega mediante a posta en marcha dunha campaña para a erradicación das especies exóticas invasoras. Trátase, segundo sinalou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) con especial incidencia na provincia de Pontevedra, pois suporá a eliminación das plantas coloquialmente coñecidas como plumacho da pampa e unlla de gato en diferentes espazos naturais situados na contorna das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.

A directora xeral sinalou que o orzamento previsto para a execución destes traballos de recuperación ascende, na provincia de Pontevedra, aos 90.000 euros, “pero máis importante é -asegurou- o que se consegue con esta actuación, que é protexer e por en valor espazos de gran riqueza natural”.

“Estamos a falar -engadiu a directora xeral- dunha acción que ten por finalidade a contención destas especies fóra dos espazos naturais costeiros para evitar a degradación de hábitats e favorecer a conservación da flora ameazada”. O obxectivo é o de evitar a competencia pola luz, auga e nutrientes producidos por estas especies e modificacións importantes na composición, estrutura, e características edafolóxicas dos hábitats, favorecéndose de este modo a conservación de moitas especies endémicas e ameazadas propias de hábitats costeiros.

Os traballos, concretou Ana Díaz, realizaranse na contorna da rede de espazos naturais da costa de Galicia e serán complementarios ás labores de recuperación de hábitats naturais que están a desenvolverse na actualidade, que incorporan medidas de control de especies exóticas invasoras. As principais zonas de actuación serán, dentro da provincia de Pontevedra, o Complexo Ons-O Grove, a Praia Major, en Sanxenxo; en Cabo Udra e Costa da Vela, na península do Morrazo; Enseada de San Simón, en Redondela; e no Baixo Miño.

Estas tarefas para a protección e preservación dos hábitats naturais da Costa galega levaranse a cabo, tamén nas provincias da Coruña, en concreto, en Estaca de Bares, Costa Ártabra, Costa da Morte, Monte e Lagoa de Louro e no Sistema fluvial Ulla-Deza; e Lugo no Río Eo, na zona das Catedrais, na Ría Foz-Masma, no río Ouro e na zona da mariña Occidental.

Protección dos ecosistemas de ribeira
Ademais, segundo explicou a directora xeral de Patrimonio Natural, actuarase contra a especie Fallopia japónica (bambú xaponés), incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras e considerada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) como unha das 100 especies invasoras máis perigosas, co fin de preservar os ecosistemas de ribeira.

Cómpre sinalar que esta planta presenta un gran potencial de expansión nestes hábitats, polo que con esta actuación evitaranse impactos futuros desta especie, como son o desprazamento de especies autóctonas dos ecosistemas de ribeira, o risco de inundacións, ao reducir o fluxo corrente abaixo e taponar vías de desaugue existentes, e danos a construcións agretando o asfalto e o formigón.

Os lugares nos que se deberá revisar o estado actual desta especie e, no seu caso, proceder ao tratamento de erradicación será nos concellos de Vedra, Boqueixón, Trazo, Aranga e Oleiros. Os traballos comprenderán a erradicación da planta en determinadas zonas, abranguendo superficies de ata unha hectárea.

Control do mapache
Esta campaña de loita contra as especies exóticas invasoras completarase, sinalou Ana Díaz, co control e redución da presenza do mapache en estado silvestre, especialmente nas zonas onde se teñen rexistrado danos provocados por esta especie aos ecosistemas ligados aos cursos dos ríos.

É necesario recordar que o mapache é un mamífero carnívoro de orixe americana, que actualmente se encontra como especie exótica invasora en diversos países europeos. Adoita habitar preto da auga, pero ten unha gran capacidade colonizadora. A actuación evitará importantes danos sobre as especies ligadas aos cursos dos ríos que pode causar esta especie, como os rexistrados no río Miño no entorno de Outeiro de Rei, ao alterar os ecosistemas naturais.

O ámbito das actuacións comprenden os puntos do medio agrario, Rede Natura e zonas de altor valor natural onde se teñan rexistradas citas das especie (entorno do ríos Miño, Parga, Landra, Támoga, Eume, Tambre, así como o entorno de Outeiro de Rei, Monfero e Teo).

Comezo inminente dos traballos
A representante da Consellería de Medio Ambiente avanzou que os traballos para a recuperación dos hábitats naturais comezarán o vindeiro mes de agosto e contan cun orzamento próximo aos 370.000 euros e cun prazo de execución dun ano. Igualmente, indicou que estes traballos estarán apoiados coa organización de campañas de información sobre a problemática e a xestión das especies invasoras.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive