17 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta facilitará a contratación dunha trintena de perceptores da RISGA en nove concellos da Mariña que o solicitaron

12-07-17

Viveiro (Lugo), 12 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará na comarca da Mariña lucense a contratación de 33 perceptores da Risga (renda de integración social de Galicia) que ao longo dos próximos meses se encargarán de reforzar diversas tarefas de interese e utilidade social.

Así o explicou esta tarde o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa, na que tamén avanzou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión.

En concreto, o Goberno galego achega para este fin máis de 268.300 euros que servirán para financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas (incluída a cotización a Seguridade Social)

“Serán 33 veciñas e veciños da Mariña os que, grazas a esta iniciativa do Goberno galego, pasarán de percibir a Risga a obter un salario polo traballo satisfeito” – un feito que Balseiro quixo poñer en valor tanto no ámbito social como no relativo á oportunidade laboral que representa.

Todos os concellos solicitantes reciben o apoio da Xunta
En particular nesta comarca, serán nove os concellos beneficiarios deste apoio, que se corresponden coa totalidade dos que solicitaron a axuda. Ademais poderán efectuar o máximo de contratacións autorizadas en función do número de perceptores que hai en cada municipio, criterio que serve para establecer o tope de contratacións posibles.

CONCELLO traballadores a contratar

VIVEIRO 10
FOZ 5
BURELA 5
RIBADEO 5
MONDOÑEDO 2
CERVO 2
VICEDO 2
XOVE 1
OUROL 1
33

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da RISGA que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou dispoñan de máis de 45 anos.

As condicións do contrato serán as establecidas no convenio laboral correspondente ao posto de traballo que desempeñan.

O delegado territorial do Goberno galego concluíu incidindo en que esta medida ten como obxectivo conseguir a inserción laboral e a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables, partindo da premisa de que a mellor política social é o emprego.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive