19 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta investiu 1,5 millóns de euros na mellora de servizos e no impulso do sector primario no Valadouro

12-07-17

O Valadouro (Lugo), 12 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia leva investidos nos últimos meses máis de 1,5 millóns de euros na mellora de servizos e en accións de impulso ao sector primario no concello do Valadouro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ofreceu hoxe este dato no marco dunha visita para supervisar as obras de mellora dos camiños de acceso a Liñarega, A Abelleira e Esteleiro, realizadas ao abeiro do Plan Marco da Consellería do Medio Rural.

Balseiro destacou que a Xunta é a administración que máis inviste no Valadouro. Referiuse ás obras de mellora das infraestruturas, como o conxunto do Plan Marco, ao que se destinan 71.600 euros; obras de camiños secundarios na zona de concentración parcelaria de Frexulfe, con 51.500 euros; ou o reforzo localizado do firme na estrada LU-160, con 25.000 euros de investimento.

O impulso ás actividades agropecuarias evidénciase especialmente nos 870.000 euros distribuídos en axudas FEAGA, destinadas ao apoio da renda dos agricultores, e subvencións para a incorporación de mozos á actividade agraria ou plans de mellora e modernización das explotacións.

A Consellería de Presidencia destinou preto de 180.000 euros ao Centro de Formación en Agricultura Ecolóxica, e tamén sufragou o equipamento do parque infantil da piscina municipal e gastos de xestión do punto limpo.

No eido social, o Goberno autonómico investiu arredor de 330.000 euros a través do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, concertando prazas coa residencia de maiores da Fundación San Rosendo, o plan concertado e o programa de información xuvenil.

Por outra banda, a Xunta realizou obras na caldeira e a cuberta do CEIP Santa María; dotou de equipamento informático ao Centro sociocultural, xuvenil e da terceira idade Manuel Lourenzo; facilitou a contratación de cinco traballadores ao abeiro do plan Aprol Rural e sufragou un obradoiro de emprego que promoveu o concello xunto co de Foz, entre outras actuacións.

Traballos de mellora de camiños
Polo que respecta en concreto ás obras de mellora de camiños, que visitou onte o delegado territorial, desenvolvéronse no Valadouro dous proxectos. A primeira actuación serviu para reformar o camiño que da acceso aos núcleos de Liñarega, A Abelleira e Esteleiro; procedeuse á mellora da drenaxe das cunetas, bacheo, e reposición do firme con dobre rega asfáltica, entre outros traballos. Así mesmo, executouse unha actuación similar no camiño de acceso a Leirado, O Lagar e A Avilleira.

O delegado territorial sinalou que xa está en marcha unha nova convocatoria de axudas do Plan Marco, e explicou que a finalidade deste programa é mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas do rural a través da mellora das dotacións e das infraestruturas básicas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive