22 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta subvenciona con 12.200 euros ao Concello de Viveiro para a sinalización da ruta de sendeirismo ao monte Penedo do Galo

14-07-17

Lugo, 14 de xullo de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comunicou que Turismo de Galicia concedeu ao concello de Viveiro unha axuda de 12.200 euros para a sinalización da ruta de sendeirismo do monte Penedo do Galo.

Balseiro explicou que esta achega enmárcase dentro da orde de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en liña co Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

O delegado valorou que con esta actuación, a Xunta potencia “a diversificación dos recursos do municipio”, poñendo en valor esta senda que xa é moi coñecida e transitada polos veciños e veciñas de Viveiro “e será un elemento importante dentro da oferta de turismo de natureza do municipio”.

A ruta parte do casco histórico, atravesa puntos de gran interese, como o miradoiro de San Roque, e chega ata o monte Penedo do Galo. As actuacións consistirán na limpeza da senda e o subministro e colocación da sinalización e paneis informativos.

As subvencións de Turismo de Galicia están orientadas a mellorar a accesibilidade e a sinalización de recursos de interese turístico na Comunidade galega.

Balseiro afirmou que estas axudas teñen por obxecto “consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”. Deste xeito, engadiu, “aproveitamos outro mecanismo de reequilibrio territorial, e ao mesmo tempo, incidimos no tipo de turismo que queremos desenvolver na provincia: accesible, sustentable e de calidade”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive