27 de Xullo de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Actividade Nordés Faladora para o 22 de xullo

16-07-17

O Vicedo 16-7-17. Para o próximo sábado 22 de xullo Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras do Ortegal, organiza unha xornada na que se mesturan natureza, arqueoloxía, etnografía, historia, exercicio físico e gastronomía. Todo iso se vai poder facer e disfrutar coa actividade proposta para poñer en valor o “Camiño dos Arrieiros”, antiquísimo camiño que vai dende Bares ata As Pontes polos cumios das serras da Faladora e Coriscada, e que precisa de urxentes actuacións públicas para recuperalo, así como os restos arqueolóxicos que se atopan nas súas orelas.

Para facilitar as cousas ás persoas que nos queiran acompañar, Nordés vai dispoñer un autobús con 55 prazas que fará o percorrido dende Viveiro ata Ortigueira con varias paradas entre as dúas vilas, e tamén se contará coa colaboración de Vane Trevín, arqueóloga, e Pepe Riola, experto na historia e lendas da bisbarra, sendo o inicio da actividade a visita a un conxunto de mámoas na Coriscada, para despois achegarnos á antiga “Escola da Unión Mañonesa”, hoxe coñecida como O Abeiro, donde se dará unha charla sobre a historia do Camiño e as súas características.

Dende alí partirá a ruta de sendeirismo que consistirá en 9km polo trazado do camiño coas explicacións de Trevín e Riola sobre o máis salientábel da zona.

Para rematar esta xornada de lecer, en Casa Urbano estará disposto un xantar cun menú feito de encarga con produtos da zona: salpición de bonito de Burela; Polo de curral; Ensalada con produtos da casa; e requeixo da granxa de Porto Vello. Un pracer para os sentidos.

O número de prazas, como se dixo, está limitado a 55, polo que é preciso apuntarse chamando ao 653 75 64 54 (Ricardo) ou mandando mensaxe ao enderezo electrónico da asociación: asociacion.nordes@gmail.com. O prezo é de 15 euros para os socios e de 18 € para os non socios.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive