Ribadeo, 24 de xullo de 2017. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza os días 29, 30 e 31 de agosto o VI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se vai celebrar en Ribadeo. O prazo de inscrición está aberto e aquelas persoas que se anoten antes do 31 de xullo terán un 50% de desconto no prezo da matrícula. Despois establecerase un período especial de inscrición nos primeiros días de agosto. APAGA ultima o programa do VI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos no que haberá visitas a lugares de interese da comarca, entre outras actividades paralelas.
Álvaro Doural, presidente de APAGA, manifestou este luns que “está basicamente todo perfilado, quizais queda planificar algunha actividade de tipo lúdico ao rematar cada día”.
Doural dixo que “seguimos a contar coas empresas punteiras no sector do automóbil como Rover Boch, PSA, BMW, ZF,… Este ano se incorporan dous obradoiros novos, un de son e outro de impresión en 3D porque consideramos que pode ter unha gran aplicación no mundo do automóbil, que xa está tendo pero a nivel de reparación e fabricación de pequenas pezas”.
O presidente de APAGA engadiu que “tamén contamos como nos últimos anos con LD Didactic, que é unha empresa alemá que se dedica á fabricación de equipos didácticos, que leva xa desde hai tres anos colaborando con nosoutros e que vai estar aquí durante todo este Fórum. Sigue tendo un perfil eminentemente técnico, aberto como nos últimos anos a técnicos e afeccionados ao motor, que a través da páxina www.apaga.es poden facer a súa inscrición”.
Álvaro Doural subliñou que “o prazo de inscrición remata o día 31 deste mes e aquela xente que se matricule nese prazo vai ter un desconto do 50% na matrícula. A capacidade, sempre estamos un pouco limitados ao espazo onde se fai que é no Hotel O Cabazo, conta cun límite de 70 prazas. Normalmente todos os anos vaise acercando a este número, pero tampouco queremos masificar a actividade porque perdería a esencia e os obxectivos cos que se plantexa. Ata finais de mes ábrese a posibilidade dese desconto e vaise abrir outro período especial en agosto para cubrir unhas prazas que van quedar, imaxino que serán moi poucas, para cubrir toda a oferta”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia declarou que “contamos que siga tendo unha resposta como en anos anteriores, esa é a idea dos que estamos a elaborar o programa. Vai ter tamén un compoñente de difusión das accións europeas dos programas nos que neste momento se está traballando por parte da asociación. E ademais vai haber unhas actividades lúdicas en colaboración cos concellos da Mariña para dar a coñecer aos participantes os atractivos que teñen estes concellos”.