22 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O pleno aprobou por unanimidade pedir unha subvención á Xunta para a rede de saneamento entre A Devesa e a depuradora de Vilaselán

14-07-17

Ribadeo, 14 de xullo de 2017. O pleno aprobou por unanimidade solicitar unha subvención á Xunta de Galicia por importe de 500.000 euros para a ampliación da rede de saneamento entre A Devesa e a depuradora de Vilaselán. Na sesión plenaria ordinaria celebrada onte tamén se aprobou a aplicación de bonificacións do 50% nas licencias de obra para rehabilitación aos inmobles que teñen unha elevada categoría de protección patrimonial e arquitectónica.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “neste pleno ordinario importante no que tratamos esas modificacións que xa anunciamos, para bonificar o imposto de construción, instalacións e obras, o que son as licencias de obra para aqueles inmobles do conxunto histórico do casco vello que teñen unha protección urbanística moi forte, e que polo tanto desde hai moitos anos practicamente non se move a súa rehabilitación. De aí que propoñamos a bonificación do 50% do custe da licenza de obra para aqueles inmobles que se rehabiliten a partires de agora, e chegando a bonificación ao 90% sempre que a rehabilitación vaia destinada para actividades que xeren emprego, unha oficina, un taller, un comercio, etc…”.
O rexedor ribadense dixo: “estamos convencidos de que isto vai seducir, aínda que moitos destes caseiróns, pazos ou determinados inmobles que ás veces teñen unha dificultade enorme, moito máis grande que outras edificacións de menor protección, confiamos en que poidamos seguir dando pasos na rehabilitación do casco vello do concello”.
Suárez Barcia seguiu a explicar que “outra parte tamén que se levou adiante foi a modificación da normativa para que todos aqueles que queiran pintar a fachada da súa vivenda que paguen realmente polos metros cadrados que vaian utilizar e non polos mínimos que ata o día de hoxe tiñan que pagar, significando moitas veces que os mínimos eran máis altos que o propio custo do traballo. Esta idea que xa se leva materializando no casco vello de Ribadeo desde hai anos, vámola irradiar ao resto da vila e das parroquias”.
Para o alcalde “tamén foi importante unha petición que fixo o Concello de maneira unánime, de axuda á Xunta de Galicia para financiamento de obras de saneamento municipal. Neste caso ciframos o importe en 500.000 euros que entendíamos que para este ano 2017 a Xunta, se quere, ten vocación e vontade, pode perfectamente achegar para ir axudándonos igual que lle axuda a outros moitos concellos desde hai moitos anos e de maneira moi seguida, cousa que aquí non fai, para que poidamos seguir ampliando a rede de saneamento singularmente desta fase que hai anos a propia Xunta fixo e non volveu botarnos unha man, que é o saneamento entre A Devesa e a depuradora de Vilaselán. Lugares e núcleos como Dompiñor, San Xillao e Cinxe desde hai tempo están necesitados de que teñamos unha ampliación das redes de saneamento para que poidan ser operativas, esta arteria que leva aproximadamente dez anos instalada e que apenas tivo distribución”.
Accións xudiciais
Por outra banda o rexedor anunciou que os seus avogados emprenderán actuacións xudiciais contra quen nos últimos días o estivo a difamar e contra quen estivo a actuar como ventilador do difamador. Así se referiu a unha cuestión relativa á licenza dun particular que estes días saíu á luz tras as declaracións realizadas por unha concelleira do PSOE. Fernando Suárez manifestou: “eu quixen someter ao pleno de maneira persoal a miña abstención nun procedemento dunha obra do casco vello de Ribadeo, que me vin obrigado a absterme e que a Corporación finalmente aceptou a miña abstención neste procedemento, por unha cuestión desagradable da que nestes últimos días tiven coñecemento, e que no pleno de onte tamén saíu a debate, un debate moi desagradable ao meu xuízo”.
O alcalde de Ribadeo declarou que “é certo que hai un tempo por parte do xulgado de Mondoñedo se nos pediu unha información urbanística dun muro dun particular que hai un tempo pretende facer unhas determinadas construcións, que ao xuízo do técnico da Corporación, incluso xa no mandato anterior, tíñamos as nosas reservas. Cal é a miña sorpresa cando recibimos nestes días unha solicitude de recusación tanto para min como para o técnico municipal, e a sorpresa ven cando se acompaña dun escrito que se presentou no xulgado hai meses gravísimo contra a miña persoa singularmente acusándome de ter montada practicamente unha organización aquí para delinquir”.
Suárez Barcia engadiu que “á vista de todo isto eu decido absterme e iniciar os trámites para querelarme contra esta difamación, que entendo que non ten fundamento ningún. Pero a sorpresa maiúscula foi cando uns días antes deste pleno, unha concelleira do PSOE, Aurora González Ginzo, fai de megáfono difusor de todas estas inxurias, que entendo que non poden ser admitidas. Sen consultar, sen contrastar absolutamente nada, nin cos seus compañeiros da Corporación anterior que coñecían este asunto, nin co goberno actual. En definitiva alguén utiliza unha inxuria nunha vía penal, considero que é moi grave, pero máis grave é que unha concelleira municipal se transforme en mamporreiro de quen pretende difamar. Eu non podo falar moito máis de todo isto porque está en maos dos avogados e estamos tramitando as correspondentes accións xudiciais contra quen difama e contra quen fai digamos de ventilador do difamador por atentar contra o bo nome e contra a dignidade da miña persoa”.
O rexedor ribadense rematou a súa intervención sinalando que “eu teño 44 anos, nin me considero unha persoa maior nin son tampouco un neno, pero a experiencia da miña vida di que máis aló dos cargos que poidamos ostentar, dos títulos que poidamos ter, dos bens dos que poidamos disfrutar, as persoas ao meu xuízo temos dúas cousas que son cruciais, unha é a familia e outra é a dignidade, e por estas dúas cousas hai que loitar a morte. Eu desde logo, como sempre, son moi respectuoso coas actuacións xudiciais, poden investigar o que queiran, canto queiran, con todo luxo de detalles e todo o que eles estimen conveniente. Pero non é certo do que se me acusa, e como non é certo e, aínda que respecto as actuacións xudiciais, acabo de poñer a correspondente querela para defender a miña dignidade contra o que difama e contra a que fai de ventilador de quen difama, porque non se pode permitir que se ataque a un deste xeito tan indigno. En política non todo vale, e a difamación é unha liña que se quere cruzar que non tolero e que non vou tolerar en absoluto”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive