16 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG denuncia as negativas consecuencias que o novo Plan de Transporte de Galiza improvisado polo PP, está a ter nos traballadores e usuarios da Mariña

10-08-17

A Mariña, 9 de agosto 2017. O BNG ven de denunciar o caos que se está a producir nas liñas de transporte na Mariña, como consecuencia da premura e da falta de información por parte da Xunta de Galiza na aplicación do Plan de Trasporte Público de Galiza. A reponsábel comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, cualificou como “moi negativo o novo Plan de Trasporte posto en marcha pola Xunta de Galiza, pois lonxe de solucionar os problemas históricos de comunicación que padecemos na Mariña, agrava máis aínda a xa de por si deficitaria situación do trasporte público na nosa comarca”. Ermida criticou que “a Xunta non informou dos cambios de servizos e liñas o que está a provocar un gran número de incidencias ás persoas usuarias polo cambio de horarios, paradas, rutas e frecuencias”.

Ana Ermida demanda da Xunta que garanta os dereitos dos traballadores e que faga cumprir as condicións do contrato á empresa adxudicataria.
Por outra banda, desde a formación nacionalista tamén lamentaron a situación laboral na que quedan os traballadores do transporte na nosa comarca, pois a Unión Temporal de Empresas que ten na actualidade a concesión da liña “A Mariña-Viveiro-Ribadeo” négase a subrogar os traballadores adscritos a este servizo, incumprindo as obrigas do contrato no relativo ás garantías do persoal. Neste sentido, Ana Ermida denunciou “a falta de transparencia nos contratos de transporte público adxudicados pola Xunta de Galiza e reclamou a subrogación de todos os traballadores e traballadoras”. “A Xunta debe garantir os dereitos dos traballadores e ten que facer cumprir as condicións do contrato á empresa adxudicataria, ou en canso contrario proceder ao rescate da concesión por incumprimento dos pregos”. A responsábel comarcal adiantou que o BNG ven de requerir no Parlamento Galego toda a información dos 41 contratos adxudicados, gastos de licitación, empresas adxudicatarias e recursos humanos e materiais para cumprir os horarios, servizos e liñas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive