20 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG reitera o seu compromiso coa reivindicación da atención pediátrica nos centros de saúde do Valadouro e Alfoz

12-08-17

Membros do BNG con Olalla Rodil 1O Valadouro, 10 de agosto de 2017. Ante o nacemento no noso val dun colectivo de pais e nais para a reivindicación do servizo pediátrico nos centros de saúde de Alfoz e Ferreira, o BNG local desexa, en primeiro lugar, felicitar os responsábeis da devandita iniciativa e facer pública a solidariedade que encontrarán sempre nos militantes e cargos públicos da organización.
En segundo lugar, o BNG desexa reiterar o seu compromiso coa loita pola recuperación do servizo de pediatría no val, servizo que xa era exiguo en si, pois o facultativo en cuestión atendía a consulta dous días á semana, un día en cada concello; mais, desde hai anos, este servizo foi eliminado nos dous centros de saúde (Ferreira e Alfoz), e os nenos enfermos deben ser desprazados até o centro de saúde de Foz (a 15 qm de distancia).
En terceiro lugar, o BNG quere manifestar que o seu compromiso con esta reivindicación non comezou agora senon no mesmo momento en que os centros de saúde locais ficaron sen médico-pediatra, pois o BNG presentou mocións ao respecto en 2009 e 2014.
Tamén, queremos lembrar que o día 1 de xullo, a parlamentaria autonómica Olalla Rodil visitou O Valadouro para coñecer de preto esta e outras problemáticas locais. Nesta visita, a deputada do BNG por Lugo comprometeuse a facer unha pregunta no Parlamento de Galiza sobre a desaparición do servizo pediátrico no val.

Queremos lembrar que a moción presentada en 2014 fora aprobada por unanimidade nos plenos municipais de Alfoz e O Valadouro; e no seu texto demandábase que ambos alcaldes se puxeran en contacto coa Consellaría de Sanidade para demandar a recuperación do servizo. Tres anos despois, os concellos do val continúan sen servizo de pediatría. A continuación, engádese o texto central da moción aprobada en 2014:

“Na actualidade as familias con fillos en idade pediátrica teñen que desprazarse até Foz para recibir atención médica especializada. Amais de verse obrigados a percorrer a devandita distancia cos nenos enfermos, acontece que en moitas ocasións as citas previas son concedidas para cinco días despois de ser solicitadas.
O feito de non contar con servizo pediátrico no centro de saúde local repercute negativamente, primeiro na atención sanitaria da infancia, pero indirectamente afecta á fixación de poboación no rural, na calidade de vida que ofrecen os nosos concellos a posíbeis novas familias, e en definitiva a un saldo demográfico negativo que afecta a Alfoz e O Valadouro desde hai décadas. É dicir, o feito descrito, necesariamente vai desanimar a aquelas persoas que desexen criar fillos nas parroquias do val, xa que unha carencia tan importante, obrígaos a establecerse nos concellos onde os nenos poden recibir atención sanitaria especializada sen saír do límite municipal.”
Do mesmo xeito, o BNG anima a todos os veciños a asinar os impresos que o colectivo de pais e nais distribuíu por estabelecementos comerciais de todo o val, pois todo xesto, por pequeno que sexa, é preciso nunha reivindicación fundamental para o futuro dos concellos do val.
Por outra banda, parécenos propio de países terceiromundistas que no século XXI debamos estar demandando servizos básicos; algo que semella propio doutras épocas.
Consideramos dun cinismo maiúsculo as mensaxes de compromiso co rural que vén lanzando o Partido Popular desde a Xunta de Galiza, pois en calquera concello rural, no momento en que a administración elimina un servizo fundamental para a sociedade como é a atención médica infantil, a demografía reséntese, e son moitas persoas as que deciden escoller outros lugares para criar os seus fillos.
Por todo isto, o BNG convida os responsábeis da Consellaría a explicar a discriminación á que están sometendo, desde hai anos, o sector máis vulnerábel da sociedade: os nenos.
A deixación, abandono e desleigamento mostrados pola administración autonómica, están a obrigar a moitos veciños a viaxar cos seus fillos enfermos até Foz, cando no val existen dous centros de saúde, infrautilizados.

Asdo.:
Eduardo Chao González
Tenente-Alcalde do Concello do Valadouro

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive