23 de Agosto de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Goberno da Deputación pon en valor os recursos fluviais da provincia con actividades gratuítas en Concellos do interior

11-08-17

presentacion actividades fluviais-guitirizLugo, 11 de agosto de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, presentou este venres as actividades deportivas fluviais, gratuítas e para todos os públicos, que o Goberno Provincial leva durante agosto e comezos de setembro a Concellos do interior de todas zonas da provincia (norte, centro e sur). Faino no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo, cumprindo cunha das súas liñas de actuación, que é a posta en valor dos recursos e zonas fluviais lucenses, ofrecendo nas mesmas unha alternativa deportiva e lúdica coa que promover o sector turístico.

Rivera Capón, que presentou esta programación xunto á Rexedora guitiricense na área recreativa de Parga, onde se desenvolverá unha das xornadas, destacou que “con esta iniciativa buscamos reforzar no verán, cando temos a máis visitantes na nosa provincia, a oferta lúdica e deportiva no interior do conxunto da provincia, ofrecendo tanto no norte, centro como no sur lugués unha alternativa ao turismo de praia, e amosando as posibilidades de lecer tamén nos nosos ríos. Trátase de poñer en valor os recursos fluviais da nosa provincia para contribuír ao impulso do turismo”.

Actividades e seguridade
A programación de actividades deportivas fluviais, que é gratuíta e para todos os públicos, inclúe 12 xornadas, que se desenvolverán en espazos naturais de Navia de Suarna, Vilalba, Negueira de Muñiz, Ribas de Sil, Chantada, Monforte de Lemos, Sarria, A Pontenova, Guitiriz, Trabada, Portomarín e Lugo.

As actividades inclúen atraccións inchables, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais ou xogos populares.

Cada sesión, que terá unha duración de entre tres e catro horas, contará coa supervisión de, canto menos, un coordinador e entre seis e doce monitores, que se encargarán do coidado e atención dos participantes para garantir unha actividade divertida e segura. As persoas que non saiban nadar terán que ir acompañadas.

Programación

•Navia de Suarna – 12 de agosto – Praia fluvial A Proba (16:30 a 19:30 horas).
•Vilalba – 14 de agosto – Área de recreo A Madalena (16:00 a 20:00 horas).
•Negueira de Muñiz – 15 de agosto – Área Recreativa Virxe da Veiga (16:00 a 19:00 horas).
•Ribas de Sil – 16 de agosto – Praia Fluvial San Clodio (17:00 a 20:00 horas).
•Chantada – 20 de agosto – Praia do Parque Sangoñedo (16:00 a 19:00 horas).
•Monforte – 22 de agosto – Paseo do Malecón (16:00 a 19:00 horas).
•Sarria – 23 de agosto – Area de recreo O Chanto (16:00 a 20:00 horas).
•A Pontenova – 26 de agosto – Pozo da Ola (17:00 a 20:00 horas).
•Guitiriz – 26 de agosto – Área recreativa de Parga (16:30 a 19:30).
•Trabada – 27 de agosto – Ría de Abres (16:00 a 19:00 horas).
•Portomarín – 1 de setembro – Náutico (16:00 a 19:00 horas).
•Lugo – 2 de setembro – Club Fluvial (16:00 a 20:00).

I Travesía do Caneiro
A derradeira das sesións, que terá lugar na capital luguesa, no entorno do Club Fluvial, será o 2 de setembro, coincidindo coa I Travesía do Caneiro, un evento deportivo de natación en augas abertas, que discorrerá nun circuíto paralelo ao caneiro e que, dependendo das categorías, desenvolverase en tres probas: unha travesía popular, non competitiva; unha travesía curta de 800 metros e unha longa de 1.500 metros.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive