16 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Uns cen músicos participarán no concerto polo 25 aniversario da Banda Municipal de música de Ribadeo que se celebrará no auditorio de Cabanela o 19 deste mes

09-08-17

Ribadeo, 9 de agosto de 2017. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o día 19 deste mes, sábado, un concerto especial con motivo da celebración do seu 25 aniversario. Terá lugar no auditorio ao aire libre de Cabanela ás 21 horas e varios ex músicos actuarán xunto aos actuais integrantes da Banda. Ese mesmo día pola mañá será inaugurada unha exposición de fotos, instrumentos antigos e outros obxectos na Casa do Mar.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anunciou que “con motivo do 25 aniversario da Banda Municipal de Música de Ribadeo, o 19 deste mes en Cabanela, no auditorio ao aire libre, faremos o concerto do 25º aniversario, no que participarán músicos que pasaron ao longo destes 25 anos pola formación, que tocarán coa plantilla actual da banda e será un repertorio no que faremos unha pequena mestura de obras que se interpretaron ao longo destes anos”.
David Ballester explica que “para elixir o repertorio fixemos unha revisión dos programas da banda e miramos as obras que máis se tocaron; e iso será o que faremos. Obviamente interpretaremos algunha obra do primeiro concerto da banda”.
Ballester subliña que “este concerto terá lugar en Cabanela ás nove da noite. Invitamos a toda a xente que queira achegarse ata alí. Despois do concerto terá lugar a churrascada tradicional de verán da banda”.
O director da Banda di que “van participar antigos músicos tocando e outra xente que pasou pola banda pero que por motivos de traballo non pode vir aos ensaios ou non se encontra en forma confirmou que ese día, por ser especial, estarán alí para celebrar o 25 aniversario”.
David Ballester salienta que “na actualidade estamos na banda sobre uns 40 ou 45 músicos, pero ese día poderemos superar os 60 no escenario tocando e ademais haberá outros antigos músicos que estarán entre o público. Estimo que entre antigos músicos, tocando ou non tocando máis a plantilla actual, poderemos reunir ese día a cerca de cen persoas que pasaron pola banda”.
O director da Banda declara que “ese mesmo día tamén, o 19 de agosto, pola mañá terá lugar na Casa do Mar a inauguración dunha exposición da historia da banda. Expoñerase un pouquiño de todo: carteis, programas, instrumental vello que recuperamos e que non se utiliza agora pero que creo que a algún dos antigos músicos vailles chamar a atención porque sei que algúns lle ten moito cariño. Tamén haberá fotografías, vídeos e ese instrumental que xa non se utiliza pero que temos alí como ouro en pano. Estará aberta ata o día 26 de agosto. Será unha semana de exposición que abriremos pola mañá e pola tarde para que a poida visitar toda a xente que pasou pola banda, para recordar eses anos, e tamén xente que non pasou pola banda pero que asiste a concertos e que lle ten ese aprecio á banda. Tamén haberá exposto un pequeno gran cartel, onde intentamos plasmar os nomes de toda a xente que pasou pola banda; seguramente, por desgraza, haberá algún que se nos esqueceu, polo cal xa pedimos desculpas. É para recordar a toda esa xente que pasou pola banda, que foi moita, preto de 200 persoas”.
David Ballester comenta que “foi un pouco difícil localizar a toda a xente que pasou pola banda, polo que pedimos desculpas posto que con algún non tíñamos maneira de contactar, porque os teléfonos que temos están desfasados ou non temos o seu correo; así que pedimos desculpas á xente á que non lle chegou ese aviso para participar neste concerto do 25 aniversario”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive