21 de Xaneiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Xosé Ramón Veiga achéganos á Mariña do século XIX

01-08-17

Foz 1-8-17. O Mércores 2 de Agosto ás 20:30 h na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, celebrase a terceira das conferencias Xornadas de Historia Local, organizadas pola Asociación A Pomba do Arco, cunha palestra titulada “Mariñáns nas cortes do século XIX” que correrá a cargo do historiador Xosé Ramón Veiga Alonso.

O relatorio de Xosé Ramón Veiga Alonso ven a ser un percorrido pola historia social e política da Mariña no século XIX, con especial referencia a aqueles mariñaos que destacaron nas cortes e de xeito moi particular nas Cortes de Cádiz. Segundo Veiga Alonso “hai que destacar nas Cortes de Cádiz a participación dos dous deputados da provincia de Mondoñedo, isto é de Abadín Guerra e de Manuel Freire Castrillón, significándose este último por ser o grande voceiro das posicións absolutistas nos debates que deron orixe a elaboración da coñecida como Constitución de Cádiz. Unha vez renovadas ás Cortes de Cádiz por voltas de 1813, destaca tamén outro deputado pola provincia de Mondoñedo, Mariño de Illade, curiosamente o único entre os deputados do antigo Reino de Galiza que defendeu neste acaso as posicións dos liberais”.

Ao tempo Veiga referirase a “algunhas das personalidades mariñáns que destacaron naqueles primeiros momentos do parlamentarismo do século XIX como o primeiro Conde de Fontao, Xosé María Moscoso, ou o viveirense Nicomedes Pastor Díaz, un dos poucos deputados de orixe popular e recoñecido intelectual que nos deixou unha importante obra ensaística e literaria, sendo un dos iniciadores da escrita en galego. Veiga continúa afirmando que “temos que por en valor a figura do deputado por Ribadeo e Mondoñedo Mariano Cancio Villamil, nado en Oviedo pero vencellado á Mariña, intendente xeral da Illa de Cuba, autor dos máis importantes traballos de investigación sobre a Illa no século XIX e destacado facendista”. A palestra de Veiga Alonso xirará arredor do século XIX período sobre o que historiador focego e profesor da USC é un dos máis destacados coñecedores en Galiza, como indican algunhas das súas publicacións, destacando a súa tese de doutoramento “O conde de Pallares e o seu tempo, 1828 – 1908. Política, ferrocarrís e agrarismo en Galiza”.

As xornadas fecharanse finalmente o xoves 3 de agosto ás 20:30 cun palestra de André Pena Graña no salón de actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz. Pena Graña arqueólogo e historiador é un dos investigadores máis recoñecidos e tamén máis polémicos sobre a Idade Antiga e Alta Idade Media Galega, períodos aos que ten dedicado numerosas publicacións e sobre os que ten disertado tanto en Galiza como en Europa. O relatorio de Pena Graña xirará arredor das poboacións de orixe británica que se asentaron no norte galego entre o século V e VI, cuxa figura máis coñecida foi o Bispo Mailoc, fundando diversas comunidades e mosteiros, entre os que destacaba o “Mosteiro Maximun” que a grande maioría da historiografía galega sitúa no actual san Martiño de Mondoñedo, até o punto de que a actual basílica se construíu sobre ese templo anterior.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive