21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Arcadio López Casanova, premio Otero Pedrayo 2015

12-09-17

deputacion-premio otero pedrayo3Lugo, 12 de setembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado doutras autoridades da provincia, así como de representantes das restantes 3 Deputacións Provinciais, fixo entrega este martes do Premio Otero Pedrayo 2015, organizado polo Goberno da Deputación e que recaeu no escritor lucense Arcadio López Casanova. No acto, o premiado estivo representado por Luís González Tosar.

Logo da entrega dos distintivos, o Presidente da Deputación fixo a seguinte intervención:

Neste ano 2017 címprense 30 anos da creación dos premios Otero Pedrayo, un certame nacido ao abeiro das 4 Deputacións Galegas. Dende a súa creación en 1977, a Deputación que presido vén participando en todas as edicións do premio, ben sexa como entidade organizadora ou contribuíndo coa achega económica correspondente.

Para este Goberno Provincial é unha honra e orgullo participar neste premio, co que amosamos o noso compromiso co presente e co futuro.

E digo isto porque:

Con este premio, poñemos en valor a figura do escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo, patriarca das letras galegas e considerado un referente imprescindible para a cultura galega.

Ademais, na organización deste certame, participan as institucións culturais e educativas máis prestixiosas da nosa comunidade autónoma: as tres universidades de Galicia, a Real Academia Galega da Lingua e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

E sen dúbida, o feito máis importante é que, con este recoñecemento preservamos a memoria dunha persoa de enorme influencia no campo das letras; premiando unha labor a prol da cultura galega.
Dito isto, lembrar que no ano 2015 esta Deputación foi a encargade de organizar o Premio Otero Pedrayo, que recaeu no escritor, académico e catedrático lucense, Arcadio López Casanova.

Arcadio López Casanova, nacido en Lugo e criado nas terras do Páramo inicia a súa carreira literaria nesta cidade de Lugo onde, sendo un adolescente comeza a colaborar no xornal El Progreso e publica o libro de relatos Tío Mingos. Cuentos de Galicia e crea, con algúns compañeiros de instituto, a revista Escritos.

Xa en Compostela, estudou Filosofía e Letras onde entrou en contacto cos mestres do galeguismo, entre outros co propio Otero Pedrayo, e cos escritores da súa xeración. López Casanova colabora en cabeceiras tan prestixiosas como La Noche e La Voz de Galicia e edita o seu primeiro libro de poesía Hombre último, censurado polo franquismo.

De regreso a Lugo segue a desenvolver unha importante actividade cultural. Xa no ano 1968 trasládase a Valencia, lugar no que obtén unha cátedra de Lingua e Literatura Españolas.

Nestes anos, produciu máis de vinte libros de poesía, en galego e castelán. Un deles, Mesteres, supuxo un auténtico fito na renovación da poesía galega dos anos 70.

Dito isto, e vista a importancia nas nosas letras de López Casanova, so me resta facer patente o noso recoñecemento e transmitirlle os nosos máis sinceros parabéns ao escritor lucense, representado hoxe aquí por Luís González Tosar.

Cremos honestamente que a decisión do xurado fai xustiza con Arcadio Lopéz Casanova, ao recoñecerlle os méritos dunha carreira literaria que o fan merecedor deste galardón.

Moitas grazas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive