21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

C7H5N3O6

10-09-17

jc-pineiro-docampoSon acaso a urnas de trinitrotolueno? Parece ser que en Cataluña si o son, ou polo menos algúns así o pensan. É certo que o camiño elixido podía ser outro, é certo tamén que as posicións de máximos das ideas encontradas non axudan. Tamén é unha realidade que percíbese un certo cheiro a que ninguén está a poñer toda a carne na grella para encontrar camiños intermedios. Está moi claro que estas posicións retroalimentadas son moi boas para dogmas e para os extremistas políticos de cada bando.
As urnas non deben ser un problema, é máis, teñen que ser a solución, o que pasa é que igual a ningún chegados a este punto lle convén esa votación, é máis doado vivir na crispación e no enfrontamento.
Non somos capaces de mirar a outros lares, non somos capaces de facer maior o noso sistema democrático. Considero que dende o inicio tíñase que facer política, facer un camiño de pedagoxía e de información por parte e parte, sen trampas e con dignidade, e despois poñer urnas de metacrilato e que cada quen expresase a súa vontade.
É preciso tamén saber de onde procede todo este caos xerado, procede da floxeza de ZP e do inmobilismo do rancio PP, cando atacaron de moitas formas a reforma do Estatuto Catalán, axudou tamén a fuxida cara diante dunha CIU cercada pola corrupción e o esperpento, xa se vía que o caldo non ía ben, tiña camiño de acedarse.
É difícil non caer no dogma e na demagoxia, pero a mellor solución hoxe en día e buscar un camiño político intermedio, que o pobo catalán respalde. Convén de xeito firme aprender que as ferramentas que temos do 1978 non solucionan a realidade actual, o marco xurídico de construción do estado que está vello e obsoleto, foi feito nunha realidade distinta, nunha realidade que moitos nin coñecemos e que non temos que aceptar, o café para todos …
Fai falla avanzar nunha construción europea de pobos, de realidades e sentimentos, a configuración dos estados actuais non vale. Non se pode ter medo a avanzar. Compre dialogo, construción e xenerosidade, compre pensar nas persoas e non só en votos e partidos, por iso o camiño catalán pode estar errado e non chegar á maioría precisa para cambiar as cousas, sinto dicilo pero aquí non vale o 51%, iso non representa unha necesidade iso é unha vitoria pírrica.
Ó final só se trata de democracia, democracia de diálogo de rumbo e tamén de urnas que non son TNT, as urnas son do pobo.

Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº XERAL DE CxG

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive