21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Alcalde subliña que non foi o Concello o culpable da perda do verán no Hotel do Faro da illa Pancha. Fernando Suárez asegura que o concesionario presentou hai pouco unha terceira declaración responsable na que garante o acceso público e di ter arranxado as deficiencias detectadas polos técnicos municipais

13-09-17

Ribadeo, 13 de setembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que non foi o Concello o culpable da perda do verán no hotel do Faro da Illa Pancha. O rexedor asegurou que o concesionario presentou hai pouco unha terceira declaración responsable na que garante o acceso público así como ter arranxado as deficiencias detectadas polos técnicos municipais.
Suárez Barcia dixo: “en relación coa situación do hotel na Illa Pancha, debo dicir que o sistema de licencias desde hai un tempo a esta parte cambiou. Agora cando alguén presenta unha declaración responsable de que cumpre coas esixencias legais pódese abrir. Logo o Concello ten que verificar que isto está acorde coa legalidade en dous ámbitos, por unha banda que a documentación técnica se axuste á legalidade e en segundo lugar cunha comprobación in situ por parte do técnico municipal”.
O alcalde ribadense explicou que “o solicitante no seu momento presentou unha primeira declaración responsable aos efectos de poder abrir unha actividade. Daquela tecnicamente díxoselle que o declarado non se axustaba á legalidade. Posteriormente presentou unha segunda declaración responsable onde volveu perseverar neses erros polo que se lle mantivo a suspensión da actividade”.
Fernando Suárez contou que “agora, despois do verán, presentou unha terceira declaración responsable con supostamente todo corrixido e aquí o concesionario garante na súa argumentación o acceso público. Á vista de todo isto, os informes dos técnicos municipais indican que se pode levantar a suspensión existente”.
O alcalde engadiu que “entramos agora nunha nova fase na que queda por verificar in situ polos técnicos municipais que todo o que dixo está correcto e adaptado á lei, así como tamén que está garantido o acceso público como no resto de actividades deste concello. Se está todo ben, aquí paz e despois gloria como diría o outro, e senón está todo ben requiriráselle, como en calquera outra actividade, para que o corrixa nun prazo determinado, e senón o fai así procederase a suspender novamente”.
Fernando Suárez manifestou que “o Concello non é culpable nin da perda do verán, nin dos custes que deberá afrontar a concesión, nin tarabelos de gaita. O concesionario do hotel utilizou o verán en corrixir todos eses defectos e en asegurar que esa actividade funcione conforme á lei. Desde logo en Ribadeo non podemos, nin queremos, nin imos permitir que haxa unha actividade hoteleira ou calquera outra, sexa unha perruquería, un bar, ou unha industria, onde a auga potable se leve a cántaros, ou onde na varanda da ponte se poida colar un neno por non estar esta adaptada á normativa, ou onde a foxa séptica non reúna os requisitos e non se saiba moi ben onde acaban eses vertidos”.
O rexedor insistiu en que “foron e son todas estas cuestións básicas que temos que esixir. Sería polo tanto unha irresponsabilidade nosa non facelo. Non son cuestións nin políticas nin caprichosas, son cuestións técnicas, é dicir, cando está mal péchase e cando estea ben ábrese”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive