24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG inicia en Barreiros unha recollida de sinaturas para esixir de fomento a limpeza dunha das vías de servizo da A8

08-09-17

IMG_3881Barreiros, 8 de setembro de 2017. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de anunciar o inicio dunha campaña de recollida de sinaturas para solicitar de Fomento a “limpeza inmediata da vía de servizo da A8 que comunica a saída da autovía no Pozo Mouro coa estrada que vai de Barreiros a Trabada pola Insua”.
Desde o BNG explican que optan por esta actuación despois de que esta cuestión fose levada a pleno municipal en diversas ocasións, a última delas por medio dunha moción que foi aprobada por unanimidade na que se acordou que o goberno municipal se dirixira ao Ministerio para trasladarlle a situación e esixirlle a limpeza da mesma. “Nestes momentos a situación desa vía é perigosísima e veciñas e veciños téñense dirixido a nós para tentar visibilizar a cuestión”, explican.
“Como vemos que a vía institucional -e lóxica- que sería que o goberno municipal esixise a limpeza a Fomento non funciona -non sabemos se por inactividade dun goberno ou outro, puntualizan- optamos pola vía da mobilización cidadá canalizando as protestas veciñais”, manifestou Ana Ermida.
A portavoz municipal asegura que a situación desa vía é “de auténtico perigo: con maleza que invade os carrís de circulación, que tapa a sinalización e impide a visibilidade.”
Nas follas de sinaturas que o BNG repartirá entre a veciñanza esíxenlle a Fomento “a inmediata limpeza da vía e o mantemento adecuado da mesma, de cara a evitar as responsabilidades que esa Administración poida ter no caso de producirse algún problema”, sinalan.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive