21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Grupo Provincial do PP logra o acordo para que Suplusa inicie o proceso de inscrición no RUEPSS, paso imprescindible para abrir as residencias de maiores

12-09-17

Lugo, 12 de setembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP logra que o Consello de Administración de Suplusa, que vén de celebrarse hoxe, acorde “ao fin” iniciar a tramitación do expediente correspondente para a inscrición da Sociedade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

Os membros do Grupo do PP na Sociedade Urbanística Provincial de Lugo rexistraron unha iniciativa, que se debateu hoxe, para impulsar este trámite, e que foi aprobada por unanimidade. Neste senso, a voceira dos populares, Elena Candia, lembra que se trata do “paso previo para poder abrir as residencias de maiores da provincia nas que se teñen comprometido 23 millóns de euros”. Así, desta maneira e co cumprimento deste acordo daríase o primeiro “avance para cambiar a situación de parálise que atravesou ata agora a Sociedade”, xa que ao longo dos últimos meses e pese ás peticións do PP, o anterior presidente de Suplusa “no foi capaz de tomar decisións relevantes como inscribir no RUEPSS a Suplusa”.

O Grupo do PP no Consello de Administración da Sociedade tamén acadou o voto favorable a súa iniciativa sobre que a Sociedade salvagarde os dereitos das persoas que superaron os procesos selectivos para a xestión dos centros de atención á terceira idade no ano 2015. O BNG tamén presentou unha proposta neste mesmo senso, que resultaron aprobadas tras un debate conxunto das dúas iniciativas. Así, acordouse que a Sociedade, na maior brevidade posible, informe a cada unha destas persoas sobre a súa respectiva situación laboral. En concreto, o Partido Popular busca que as 67 persoas que están a espera, e que foron seleccionadas en maio do 2015, “comprometéndolles un posto de traballo en varias residencias da nosa provincia, poidan empezar a traballar xa. Non se pode xogar cos veciños e coas veciñas”, precisan.

Desencontros internos do PSOE
O Grupo do Partido Popular logrou sacar adiante por unanimidade as dúas iniciativas expostas que permiten dar un paso cara adiante na posta en marcha das residencias de maiores así como velar polos dereitos dos traballadores que levan máis de dous anos á espera do seu posto de traballo.

Elena Candia lamentou que estas iniciativas, pese a gran importancia que implican, se sacasen adiante nunha sesión marcada polos desencontros internos dos membros do PSOE no Consello de Administración que amosaron constantes discrepancias á hora da emisión do voto.

Para a voceira dos populares e membro do Consello de Administración de Suplusa “parece mentira que sexa necesario levar este tipo de iniciativas para que o Grupo Socialista, que gobernou durante anos a Sociedade, acepte respectar os dereitos dos traballadores de Suplusa”. Así, Candia precisa tamén que “é agora, tras unha nova presidencia e logo das propostas do PP e do BNG, cando o PSOE e Darío Campos se ven obrigados a aceptar as directrices que garantirán a posta en marcha das residencias e velar polos dereitos dos traballadores”.

Por último, a popular pon de manifesto que os feitos deixan claro que o único interese que move aos socialistas é “estar na Sociedade para torpedear o seu funcionamento”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive