24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Burela denuncia a “ausencia de total de palabra do alcalde” pois, “tres meses despois, as cousas seguen igual en Arcadio Pardiñas”

11-09-17

BURELA, 11 de setembro de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela critica a actuación do alcalde en relación coa problemática suscitada hai xa máis de tres meses co pintado de Arcadio Pardiñas, logo do xa famoso pleno do 30 de maio. Os populares din que “case catro meses despois, as cousas seguen igual, xa que nin se executou o proxecto redactado pola arquitecta municipal, nin se cumpriu o informe elaborado pola Policía Municipal”.
Desde o PP indican que “o rexedor dixo que ía respectar a lei, pero nin respectou esta, nin o proxecto de obra, nin o informe dos municipais”, e fíxoo, subliñan, “nun exercicio de arbitrariedade, de indecencia e ausencia absoluta de seriedade”.
Cómpre lembrar que o proxecto de pintado de Arcadio Pardiñas elaborado pola arquitecta municipal era coincidente coa realidade anterior, mentres que o informe da Policía Municipal facía unha serie de recomendacións. Pois ben, o alcalde respectou o informe da Policía para retirar determinados pasos de peóns, que non foron repostos e unha zona de carga e descarga pero, pola contra, respectou o proxecto de obra nos tres carrís entre Pascual Veiga e rúa da Igrexia, incumprindo así o informe dos municipais”.
“O alcalde non é de fiar”
Por este motivo, desde o grupo municipal apuntan que “o alcalde non é de fiar. Demostra unha enorme inconsistencia e ausencia total de palabra. Dixo que en dous meses veriamos cambios, e o único que fixo foi adecentar un solar que se usa para todo”. Deste xeito, anuncian que, no vindeiro pleno, presentarán unha iniciativa para buscar unha solución que contente aos comerciantes e veciños, porque “o malestar, como se palpa na rúa, continúa”.

Finalmente, consideran que “Burela non se merece un alcalde que falte á súa palabra, que incumpre reiteradamente o que di, e que desprecia aos veciños”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive