24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de O Valadouro denuncia as mentiras do alcalde sobre o polígono industrial e pídelle que “se poña a traballar” e inicie os trámites para desbloquealo

12-09-17

O VALADOURO, 12 de setembro de 2017.- O PP de O Valadouro denuncia as mentiras do alcalde sobre o desenvolvemento do polígono industrial, e que foron detectadas polo voceiro popular, José Manuel Lamela, logo de que, ante as distintas explicacións do rexedor que nada aclaraban por que aínda non se iniciou a construción e as múltiples queixas dos empresarios, decidise facer un estudo exhaustivo do expediente municipal.

Neste senso e ante a gravidade da situación, dende o grupo municipal pídenlle ao responsable municipal que “se poña a traballar” e inicie no menor tempo simple as xestións oportunas para desbloquealo. “Se realmente lle interesa o ben dos veciños, aquí ten unha boa oportunidade de demostralo”, afirman.

E é que a tramitación do polígono foi paralizada “polo menos” ata en tres ocasións”, e isto debeuse, explica o popular, á deficitaria xestión do Goberno local. Así se desprende, por exemplo, do escrito remitido pola Xunta de Galicia a petición de José Manuel Lamela. E é que, o voceiro do PP, “farto de que a entidade local non fose capaz de impulsar esta actuación tan importante para o municipio e de que os veciños non soubesen os motivos que a manteñen enquistada”, decidiu buscar explicacións sobre esta infraestrutura, que se enmarcaba no convenio asinado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente do departamento autonómico, cos municipios de Alfoz e O Valadouro.

1ª paralización
Para entender a situación, destaca o popular, é importante remontarse a 2013; ano no que se produce a primeira parálise “pola irresponsabilidade do Sr. Edmundo Maseda, pois o Partido Popular, a diferenza do Goberno socialista, si que actuou con rigor e seriedade”.

Concretamente, o Pleno municipal aprobou en abril dese ano, cos votos a favor do PP, a modificación das normas subsidiarias para a súa execución. Neste caso, os populares non dubidaron en apoiar a iniciativa, pois, a parte de ser un requisito indispensable para continuar coa tramitación do expediente de construción, entendían que esta infraestrutura era unha obra necesaria que redundaría no ben común do municipio, e que contribuiría a dar un forte pulo ás empresas locais.

Unha vez feito este trámite, o servizo de Urbanismo de Lugo, en aras de colaborar coa entidade local e de avanzar na tramitación da área industrial, valora a documentación presentada polo rexedor, detectando certos defectos na mesma. Esta circunstancia provoca que este departamento se vexa na obriga de indicarlle á entidade local a necesidade de que esta complete o expediente con varios informes sectoriais e presente o proxecto técnico de modificación das normas subsidiarias coa dilixencia de ser aprobadas provisionalmente. Asemade, nesta mesma notificación oficial, que se produce en outubro de 2013, tamén se especifica que, en tanto non se remitise dita documentación, non comezaría a computar o prazo de emisión do informe solicitado.

Pero, Edmundo Maseda, malia recoñecer no Pleno – e así se reflicte na acta da sesión- que “[…] se trata do último eslabón que queda para conseguir a aprobación definitiva das Normas pola Xunta de Galicia, pois antes temos que aprobalas provisionalmente no Concello […]”,obviou a petición do departamento autonómico, non presentando a documentación requerida, o que provocou que non se puidese avanzar nos trámites de desenvolvemento do polígono.

2ª paralización
Lonxe de intentar buscar unha solución, en maio de 2015, o Concello decide rescindir o acordo con Xestur –entidade dependente da Xunta e encargada das áreas industriais en Galicia-, e asina o convenio coa Sociedade Urbanística Provincial para a construción desta infraestrutura na zona de A Granda. Esta decisión, supuxo “voltar a empezar de novo e, por tanto, a segunda parálise”.

A Deputación, a través de SUPLUSA, inicia o levantamento topográfico e a delimitación das mámoas que se atopaban no lugar. Segundo o acordo asinado, a Sociedade provincial realizaría, asemade, o Proxecto de Urbanización, a execución das obras, a venda das parcelas e entregar ao Concello o 10% do solo urbano industrial que se realice na primeira fase de construción así como as dotacións previstas na Lei.

O Concello, pola súa banda, tan só debía tramitar o planeamento, incluído o proxecto de expropiación, onde SUPLUSA participaría como beneficiario, conservación dos espazos públicos e aportar á Sociedade Urbanística Provincial a cantidade de 400.000 euros para os custos de proxección, impulso e construcións, repartidos nas anualidades nas que se realice o desenvolvemento do polígono.

A decisión municipal no cambio de quen debía executar a obra, non só significaba volver a empezar o proceso, pois trouxo consigo a resolución do contrato de servizos a Xestur, senón que supuxo un novo bloqueo. Proba delo, é que, a día de hoxe, logo “dos distintos atrancos e mentiras”, o polígono continúa sen ser unha realidade, pois “tanto a Sociedade dependente da Deputación, como o Concello non fixeron nada de nada”.

“Nova sorpresa” e 3ª paralización
E non só iso, senón que, “por se isto fose pouco”, Lamela avanza que “nos atopamos cunha nova sorpresa recentemente”. En xuño de 2017, no marco do Plan Único aprobado polo organismo provincial, a entidade local incluíu máis de 147.400 euros para a adquisición dos terreos, é dicir, que ata que este proceso se resolva o polígono continuará paralizado, sendo esta a terceira ocasión coa que “o alcalde volta a enredar os trámites”; o que leva aos populares a afirmar que “Maseda usou o polígono, para obter os votos nas municipais. O último que lle importaba era cumprir a promesa e dar un servizo aos veciños”, subliñan.

“Claramente, apunta, enganounos a todos”, pois, tampouco cumpriu co acordo adoptado, grazas ao apoio dos populares e do BNG, e no que, a través dunha moción presentada polo PP, se manifestaba a vontade dos empresarios de adquirir dos terreos, de tal xeito que o rexedor tan só tiña que proceder á modificación puntual das normas subsidiriais sobre esas parcelas que aportarían os interesados. “Todo isto, precisan, nuns días, nos que, ademais, o Bloque Nacionalista Galego tamén lle amosou o seu apoio ao alcalde para comprar os terreos xunto ao campo de fútbol para a construción da infraestrutura”.

Por todo elo, “e ante os numeros enredos do Goberno socialista”, o voceiro do PP, denuncia que Maseda “leve anos xogando co polígono, que o empregase como arma política para gañar as eleccións e, o que é peor, que, por culpa das súas mentiras, as empresas de O Valadouro seguen sen solo para poder instalarse”, conclúe.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive