24 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O SAN CAMPIO DE FAZOURO

11-09-17

suso-fernadezO 17 do actual, terceiro domingo do mes, celébrase en Fazouro unha das tradicionais romarías focegas, enmarcada en fermoso paraxe , beira do río Ouro, próximo á desembocadura, pasadas tres pontes que dan ó panorama un singular engado e vistosidade.
Romaría procede de Roma e designaba a peregrinaxe dos católicos á Cidade Eterna. A palabra acabou aplicada á viaxe a calquera santuario da cristiandade, consagrados a diversas advocacións, ou os que se erguen na honra dos distintos santos; tal é o caso de San Campio, que sufríu martirio o ano 306 e foi soterrado nas Catacumbas de Roma e trasladados os seus restos a Galicia, ó parecer en 1795; oito anos mais tarde chegaba unha reliquia a Fazouro.
En Tomiño, Pontevedra, existe un nomeado e espléndido santuario de San Campio de lonxe,ou do monte, que data de 1804. A éste, que foi soldado, encomendábanse os rapaces cando ían para o servizo militar e, sobre todo, para o fronte dalgún conflicto bélico.
As supersticións e curas miragrosas con frecuencia aparecen como razón de existir de certas romarías, ás que en tempos acudían profesionais que exercían a función en base á recomendación que decían ter co santiño que patrocina o santuario motivo da romaría.
Alvaro Cunqueiro, no delicioso libro Escola de menciñeiros conta, por exempro, cómo Leivas de Vereda, curandeiro famoso, nunha ocasión acompañou a unha viuva de Folgoso ó San Alberte de Baamonde. A boa da muller presentaba un cadro clínico ben curioso: escupía grans de millo, que non metera antes na boca; todo o vía de cor vermella e quedábase afónica.
Cando San Alberte deo a mirada a Leivas; é decir, prestoulle atención, e o curandeiro pasou ó santo o nome e doenzas da romeira, pedindo a súa curación, San Alberte meneou a cabeza, e dixo ó curandeiro: — ¡Coño, Leiviñas,tamén me traes cada caso…!
As romarías teñen, en xeral, as orixes en peregrinaxes por devoción; neste caso, pola reliquia do Santo. Hai pois unha razón relixosa, á que se engade outra lúdica, que se traduce en festa popular, sempre acompañada de abondoso xantar, xenerosas libacións e bailes.” As romerías, como as festas e mercados – escribe Taboada Chivite na “Etnografía de Galicia” – son, amais de testemuño de piedade e degoro relixoso, lugares de reunión e convivencia social. Tres elementos pois, conviven no mundo da romaría: un sustrato relixoso que empurra ós crentes ir á ermida ; un impulso que leva as xentes ó campo do festexo popular, e un pretexto para reunirse unhas horas de lecer. O San Campio de Fazouro responde a esta tipoloxía.
Da concurrencia á mesma deixou constancia Lence-Santar, cronista oficial de Mondoñedo, con estes versos: “…vendo polo setembro/ ir de troula á romaría/ do San Campio de Fazouro/ a toda a novez da Mariña…”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive