20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Olalla Rodil reclamou as competencias do antigo FEVE, esixir a Renfe a reparación integral de todas as unidades da frota e crear unha entidade pública galega que xestione o ferrocarril

12-09-17

Santiago de Compostela, 12 de setembro, 2017.- Pleno.- A deputada do BNG, Olalla Rodil, reclamou, a través dunha moción, dirixirse ao goberno español para transferir as competencias do antigo FEVE cos servizos de mercadorías, viaxeiros e infraestruturas, esixir a Renfe/Adif a reparación integral de todas as unidades e o mantemento das vías e crear unha entidade pública galega que xestione e modernice o ferrocarril en Galiza.

A parlamentaria trasladou á Casa do Hórreo as demandas da Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo entre as que destacou, dotar de persoal e medios o servizo para garantir o seu correcto funcionamento, tanto no referido aos talleres e máquinas como a maquinistas e, sobre todo, interventores. É “inadmisíbel”, remarcou Rodil, que a estas alturas o antigo FEVE viaxe case como norma “en modo axente único, non se poidan mercar billetes en moitas paradas e haxa viaxeiras/os que non paguen o servizo”. Todas estas circunstancias, dixo, impiden elaborar estatísticas fiábeis do número de persoas que empregan o FEVE.

É preciso garantir un servizo de calidade que cubra as necesidades de mobilidade da poboación que sirva para vertebrar o país polo debe ser elaborado un novo deseño do FEVE adaptando os horarios ás dinámicas sociais e estes coas combinacións de autobús que interconecten os apeadeiros e estacións a outros núcleos poboacionais ou servizos como o Hospital da Mariña.

A propia Plataforma pola defensa do ferrocarril puxo xa en riba da mesa unha proposta moi completa que parte da realidade actual do FEVE, tanto no número de máquinas como nos horarios vixentes desde o ano 2014. Trátase de xestionar de maneira racional un servizo e unha infraestrutura fundamental para estas tres comarcas e por suposto para o conxunto de Galiza. “Cónstanos que Consellaría ten esta proposta ao igual que as alcaldías das comarcas”.

Por suposto, Galiza precisa contar cunha división de mercadorías propia, dotada de persoal e medios suficientes para poder desenvolver unha estratexia de captación de transportes para o que será necesario, como tamén recolle a proposta do BNG, “crear novas zonas e vías de carga que faciliten e promovan o transporte de mercadorías por ferrocarril” comezando pola confluencia da liña de ancho métrico coa factoría de Alcoa en San Cibrao porque resulta “impensable” que a vía pase a 500 metros de Alcoa e haxa que desprazar as placas de aluminio a Xove en camións para cargalas no tren. Deseñar a futura chegada o ancho métrico aos portos de Ferrol permitiría “desconxestionar” o tránsito rodado nas estradas e reducir en grande medida os custes, e facelo só é cuestión de “vontade política”.

Finalmente, a nacionalista pediu ao Partido popular, desenferruxar o compromiso da Consellaría de Infraestruturas en 2009 para crear unha entidade pública galega que xestione o ferrocarril no noso país, “competencia recollida no Estatuto de 1981”. Desempoen o seu compromiso e comecemos a tomar colectivamente o control dun servizo fundamental para a poboación de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña mais sobre todo para o conxunto do noso país, concluíu.

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Martín Fernández Prado propuxo emendar o texto do BNG, unha emenda que a deputada Olalla Rodil rexeitou ao considerar que anulaba na súa totalidade o contido da moción nacionalista.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive