21 de Setembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

VICTIMISMO OU REALIDADE?

09-09-17

maria-loureiroCada vez que denuncio ante os medios de comunicación algunha acción da Xunta de Galicia, hai algúns que se sinten molestos e intentan desviar a atención acusándome de victimismo ou choriqueo. Nada máis lonxe da miña intención, só pretendo dar a coñecer a realidade e defender os intereses dos veciños de Viveiro.

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia non respecta institucionalmente a este concello. En máis dunha ocasión tivemos coñecemento de noticias da Xunta relativas a Viveiro polos medios de comunicación; é frecuente, tamén, que se informe das visitas institucionais remitindo correos electrónicos á dirección xenérica do concello, sen preocuparse por contactar directamente con esta alcaldía, nalgunha ocasión avisando o día antes.

Non victimizo cando digo que Portos de Galicia anunciou na prensa, o ano pasado, que ía realizar o trasvase de area de Covas sen ter informado a este concello; a día de hoxe esa obra segue estando pendente e esperamos que se realice durante este mes de setembro, tal e como prometeron. Dirixinme ao Presidente de Portos para falar deste asunto en diversas ocasións e continuarei a facelo mentres non se adopte unha solución definitiva.

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia non concedeu a este concello, en 2016, a axuda solicitada para a reposición e mellora da rúa Grande de Celeiro; creo que os veciños deben saber que a subvención á que se optaba establecía que as solicitudes se resolverían por orde de chegada, esgotando o crédito existente coas solicitudes presentadas o primeiro día (resulta curioso que un concello, se antes non ten coñecemento das bases e da da data de publicación, poida preparar a documentación requerida en un día).

Non victimizo cando digo que Augas de Galicia tardou tres anos en atender as nosas solicitudes para que limpasen o río das Nogueiras; parece ser, segundo veñen de anunciar, que en breve van limpar ese e outros ríos do municipio. Tampouco victimizo cando digo que Augas de Galicia non autorizou a canalización do Río dos Foles, impedindo un acceso vital ao casco histórico polo gran incremento de poboación na zona.

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia desestimou en xullo de 2017 a subvención solicitada por este concello para executar a reposición e mellora do firme nas rúas Rego das Frores, Alonso Pérez e Jesús Noya. impedindo que poida levarse a cabo este importante proxecto.

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia, este ano, reduciu considerablemente a axuda concedida a este concello ao abeiro do Plan Mellora de Camiños Rurais. En 2016, concedéronsenos uns 80.000 euros para unha anulidade; este ano a Xunta concedeu 66.000 euros a repartir entre 2017 e 2018. Os veciños de Viveiro deben ter coñecemento destas cuestións, por que eles son os afectados deste tipo de recortes.

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia ailla a Viveiro pola falta dunha Vía de Alta Capacidade e non me cansarei de continuar reclamando un trazado de consenso; un proxecto indispensable para o noso municipio no que nada se avanzou ao longo deste ano, a pesar das declaracións do presidente autonómico. Non acudir á posta en servizo da VAP Celeiro-San Cibrao non é victimismo, foi unha maneira de poñer de manifesto o noso malestar (que tivo o seu efecto, pois esa mesma semana chamaron da Xunta para comunicar que se ía retomar o tema estudando a posibilidade dun novo trazado).

Non victimizo cando digo que a Xunta de Galicia debe solventar, á maior brevidade posible, o tema dos galpóns do muelle. A súa demolición é necesaria por cuestións estéticas, funcionais e de seguridade; a semana pasada solicitei unha reunión co Presidente de Portos para falar desta cuestión e seguirei insistindo ata opter unha solución.

Creo que se debería tomar exemplo da Deputación de Lugo, onde a través do Plan Único se dá a cada concello o que lle corresponde polo seu número de habitantes. Nós non nos negamos a que a Xunta de Galicia conceda axudas a outros concellos, alegrámonos, faltaría máis, pero Viveiro tamén as merece, por que non queremos que haxa concellos de primeira e concellos de segunda.

Isto non é victimizar, é dar a coñecer a realidade para defender os dereitos e intereses dos veciños de Viveiro, algo que continuarei facendo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive