11 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A mancomunidade de municipios da Mariña solicitará a creación dunha xefatura local de tráfico. Alfredo Llano entrevistouse con representantes das autoescolas, que están inmersas nunha problemática que fai que dende hai meses non se celebren exames na comarca

12-10-17

A Mariña, 11 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, solicitará manter unha entrevista coa xefa provincial de tráfico para facerlle chegar as inquedanzas das 18 autoescolas que hai na Mancomunidade mariñá, e que levan meses vivindo unha problemática que as mantén moi preocupadas. Llano vai plantexar que se cree unha xefatura local de tráfico nesta comarca e loitar para que non se perda ningún servizo neste ámbito.
O presidente da Mancomunidade declarou: “tiven a visita de empresarios de autoescolas da Mariña onde me viñeron amosar a súa preocupación con respecto ao que está ocorrendo ultimamente aquí cos examinadores. Viñeron falar comigo como presidente da Mancomunidade para ver se entre todos tratamos de solucionar este grave problema que está sucedendo. Dado que os examinadores están en folga xa desde o 19 de xuño aquí estase perdendo a oportunidade de poder examinar aos nosos veciños da Mancomunidade e están perdéndose moitísimas ocasións, as autoescolas evidentemente non traballan como tiñan que traballar, e o último exame que se fixo na Mariña foi o 28 de agosto”.
Alfredo Llano dixo: “comparto esa preocupación e a primeira cousa que vou facer é chamar á Xefatura Provincial de Tráfico este venres para pedir unha entrevista coa xefa provincial. O que quero é trasladarlle a preocupación que ten esta xente e debemos facer partícipe a todos os habitantes da Mariña porque loxicamente non queremos para nada que perda calidade este servizo, que non teña que desprazarse ninguén a outros lados para poder facer o exame aquí de carné de conducir. Eles ven o perigo de perder o dereito a facer o exame na comarca porque agora mesmo parece ser que xa están poñendo algunha pega nos exames teóricos e non queremos que iso ocorra. Agora cando veñen de Lugo á Mariña se teñen un horario os examinadores de oito a dúas, aquí empezan a examinar ás nove e media ata un máximo da unha da tarde, iso significa que perdemos horario para examinar”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “como debemos manter este servizo aquí, esta oportunidade de facer cousas na Mariña, vou plantexarlle á xefa provincial se existe unha posibilidade de traer unha xefatura local de tráfico para A Mariña. Con isto evitaríamos moitos problemas, un deles o do horario para que empecen ás oito e acaben ás dúas, como ocorre en Lugo. Facilitar tamén un local para que se examinen de teoría porque agora parece que se poden facer exames simultáneos en toda provincia si se quere, hai técnica para facelo. Incluso estaríamos dispostos a través da Mancomunidade de buscar un sitio onde se poidan facer este tipo de exames”.
Alfredo Llano contou que “na Mariña hai 18 autoescolas que pretenden traballar coa oportunidade de favorecer á xente que queira sacar o carné de conducir para que o fagan na nosa zona. Son moitas as persoas que dependen deste traballo e o que non podemos é seguir admitindo que nos leven cousas para outros lados. O que está pasando coa sanidade, con Facenda e con outros servizos, que agora non pretendan que vaimos desprazarnos para facer isto. Somos 85.000 habitantes na comarca da Mariña, somos unha cidade lineal e polo tanto debemos esixir que estas cousas estean garantidas e nos dean a todos a oportunidade de facelas sen necesidade de facer desprazamentos que a ninguén benefician”.
En defensa da sanidade pública
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e tamén alcalde de Burela participou na concentración celebrada esta mañá na vila burelesa en defensa da sanidade pública e manifestou que “hai moitísimos profesionais que están moi preocupados como moitos doentes, e estamos preocupados en xeral. É lóxico que exista unha preocupación e incertidume total de toda a xente da Mariña derivado de que a área sanitaria é algo tremendamente importante para que se manteña como unha garantía dun servizo público sanitario que debe ser de calidade para todos os que conformamos esta mancomunidade”.
Alfredo Llano dixo que “non hai resposta, despois da manifestación que houbo en Burela o día 5, que satisfaga para nada esta preocupación. Na Mariña o único que se fai é dicirlle a Daniel Vega que diga algo para calmar á xente, pero non di absolutamente nada que se vexa que poida ser unha posibilidade. Non din nada de retirar o anteproxecto e iso é preocupante. Como consideramos que é un servizo de primeira necesidade imos seguir insistindo porque non imos facilitar que se leve esta área sanitaria propia da Mariña para outro lado”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive