22 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cadernos da viaxe. O DISCURSO DE EL REI

08-10-17

perez_lemaO Xefe do Estado, na súa mensaxe do pasado 3-O, renunciou representar ao conxunto da cidadanía e demitiu do seu papel constitucional de árbitro e moderador das institucións para se converter no valedor do modelo social e territorial da dereita española. A Coroa rachou a neutralidade que lle impón a Constitución, declarouse parcial e excluiu implicitamente do seu concepto de España a aqueles que non asumen a idea unitarista (uninacional, unilingüe e radial canto ás súas comunicacións terrestres ) que proxectou. Non por acaso un político tan ecuánime como o lehendakari Urkullu amosouse “abraiado” e declarou que as verbas de El Rei xerábanlle a máxima “decepción e preocupación”.

Na súa mensaxe o Xefe do Estado pechou calquera vía de negociación ou diálogo, desautorizando a xa comprometida posición do PSOE e PSC . Calou sobre as agresións sofridas por milleiros de cidadáns cataláns o 1-O por parte do Goberno do Estado (que lle causaron feridas a case 900 persoas ) e alimentou unha reacción españolista con nidios acenos de intolerancia e mesmo violencia que encheu este domingo as rúas de Barcelona. Formas ríspidas, uso íntegro do castelán (malia dominar o catalán) e o retrato do seu devanceiro Carlos III ( quen prohibiu o ensino en catalán, galego e euskera) enchían a escea.

Felipe de Borbón esqueceu que no século XXI os pobos conviven polo mutuo acordo e non por imposición e conquista. Esqueceu que os reis nas Monarquías parlamentarias son neutrais e non asumen o relato dunha parte como propio do conxunto da sociedade. Xa que logo, vencellou indisolúbelmente a sorte da Monarquía á do modelo antigo e caduco desa España unitarista e uninacional que non ten máis solucións para a convivencia e a integración dos distintos pobos do Estado ca a imposición autoritaria do “lo tomas o lo tomas”.

A ARRINCADEIRA. O unionismo ateiga Barcelona.

Efecto da chamada do Xefe do Estado foi a masiva demostración do domingo en Barcelona, que xuntou 350.000 persoas segundo a Garda Urbana. Moitos dos manifestantes viñan de fóra de Catalunya, traídos polo PP e organizacións afíns e algúns deles amosaron actitudes agresivas fronte aos Mossos ou xornalistas. Actitudes que até de agora non se viron nas moitas demostracións independentistas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive