22 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Deputación e Concello promoven en Lugo o Congreso Galego sobre a Inspección Educativa no que participan 50 expertos

10-10-17

FOTO CONGRESOLugo, 10 de outubro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inaugurou este martes o X Congreso de Inspección Educativa de Galicia que se está a celebrar no Pazo de San Marcos. O Executivo Provincial e o Concello de Lugo promoven esta décima edición do foro, no que participarán medio centenar de inspectores das catro provincias galegas, e que terá lugar na xornada de hoxe e mañá, mércores, baixo o título de “A inspección de educación: novos horizontes”.

Campos Conde subliñou que “esta décima edición do Congreso resulta especialmente relevante polo delicado momento que atravesamos hoxe en día na procura dun Pacto pola Educación, que aglutine esforzos e unifique criterios, para establecer o modelo educativo do futuro. Dende a Deputación de Lugo estaremos encantados de seguir colaborando con este tipo de iniciativas que contribúen á mellora da ensinanza pública e universal, fomentando a cultura do esforzo”.

O titular provincial destacou que “a formación continua dos docentes e inspectores e unha adaptación á nova realidade social e tecnolóxica, son necesidades inmediatas polas que atravesa a comunidade educativa. De aí a importancia da organización deste tipo de encontros, debido ao papel fundamental dos inspectores de asesoramento aos centros educativos”.

Pola súa parte, Méndez López destacou a importancia deste congreso “para visualizar o traballo” dos inspectores de Educación, “que aínda en moitos casos se asocian a termos pexorativos de vixilancia, cando se trata de todo o contrario, de controlar para mellorar”.

Méndez tamén incidiu na oportunidade de reciclaxe que supón este encontro nun eido esencial, como a educación, pois “unha sociedade que non inviste en educación non cre na igualdade de oportunidades”. “Nada nos fai máis iguais a todos que a formación e a educación”, asegurou a rexedora, ao tempo que desexou que as conclusións do congreso “revertan positivamente na sociedade”. A Alcaldesa aproveitou así mesmo para desexar unha boa estancia aos participantes, aos que convidou a gozar da cidade, do seu pasado romano, “que se pode atopar a cada paso”, dos seus tres patrimonios da humanidade –a Muralla, a catedral e o Camiño Primitivo-, do Vello Cárcere e das festas de San Froilán.

Formación e contido
O X Congreso de Inspectores de Educación de Galicia é un Congreso organizado pola AIEG (Asociación de Inspectores de Educación de Galicia). O seu obxectivo é a formación de Inspectores e Inspectoras no desempeño da súa actividade profesional. O encontro, que se celebra cada dous anos, volve a ter lugar na capital luguesa despois de que xa se tivera celebrada a terceira edición na cidade de Lugo.

O contido deste Congreso trata de conxugar aspectos de absoluta actualidade, como é o relativo ao Pacto social pola Educación, con outros particularmente técnicos, situados no día a día da profesión inspectora e a supervisión.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive