22 de Outubro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Ribadeo critica que o equipo de goberno ten ao municipio totalmente desatendido a pesar de contar con tres dedicacións ao Concello

04-10-17

Ribadeo, 4 de outubro de 2017. O Partido Popular denuncia que o goberno municipal ribadense conta neste mandato, por primeira vez, con tres dedicacións ao Concello e a pesar diso Ribadeo nunca estivo tan desatendido. Tamén critica que desde o equipo de goberno nin sequera solicitan reunións cos responsables da Xunta de Galicia para demandar axudas para o municipio, o que si fan alcaldes doutros concellos de todas as cores políticas.
O portavoz do PP en Ribadeo, Jesús López Penabad, manifesta que “a semana pasada dicía o noso alcalde, Fernando Suárez, que a Xunta lle daba ao Concello única e exclusivamente o que lle corresponde por lei. Pero ademais dálle un tractor por 90.000 euros e un obradoiro de emprego. E se falamos dese obradoiro o outro día saíu na prensa cunha presentación no Concello por todo o alto dese novo obradoiro; e, como sabe, Ribadeo é o único concello que ten un obradoiro para el só porque o resto están mancomunados para varios municipios. Eu creo que o alcalde está perdendo as formas e a educación porque o menos que podería facer é invitar a esa presentación aos que o fan posible ese obradoiro co financiamento, que é a Xunta de Galicia, e neste caso sería o delegado da Xunta o que tería que estar presente. Pero este alcalde fai as cousas sen contar cos demais e como lle dá a gana”.
O voceiro popular engadiu: “señor Suárez, dedíquese realmente aos ribadenses e a Ribadeo, porque andou moi rápido, cando empezou esta lexislatura, xa hai dous anos e medio largos, para subirse o soldo e ter tres dedicacións para o Concello, dúas exclusivas e unha parcial. Pero a verdade é que con esas tres dedicacións a Ribadeo non se lle nota nada. Eu creo que non soamente para nosoutros senón ante a opinión pública, Ribadeo nunca estivo tan desatendido. Dedícanse única e exclusivamente a queixarse da Xunta pero nin sequera van a Santiago a entrevistarse cos conselleiros para traer cousas para Ribadeo. Iso si que o fan outros alcaldes de todas as cores políticas, pero aquí en Ribadeo só se dedican a queixarse, sentarse na poltrona e facerse as vítimas única e exclusivamente, pero traballan moi pouco ou case nada”.
Jesús López Penabad manifestou tamén: “vexo ao alcalde cansado, con poucas ganas de poñer a Ribadeo onde realmente se merece. A súa maioría absoluta está resultando nefasta para o noso pobo. Este mandato leva máis de dous anos e medio e as melloras que se ven en Ribadeo son ben poucas, por non dicir case ningunha. Hai tres dedicacións, pero non sabemos a que se dedican, en que o está notando Ribadeo, porque nunca custou tanto o goberno municipal e nunca tan pouco se fixo”.
O portavoz do PP comentou ademais: “vou facerlle outra vez unha pregunta, que non nola quere contestar: canto nos vai custar aos ribadenses a estancia na residencia de maiores e como se vai xestionar, porque agora, se está equipada, é o que nos queda”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive