20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. Impresións provisionais

09-11-17

pablo-alvarez-ramosEscoitamos en ocasións, de xeito repetido, que a lei ten que ser garantista, e aínda hoxe non temos moi claro o significado do termo.
O garantismo ten por base a idea da desconfianza hacia todo tipo de poder, público ou privado, de transcendencia nacional ou internacional. O garantismo non se fai representacións modélicas e idealizadas da realidade, de poderes bos que dean cumprimento espontáneo aos dereitos, e prefire velos limitados sempre, suxeitos a vínculos xurídicos que os acoten.
Nun plano filosófico o garantismo ten que ver co pensamento de dispersión e non monopolio do poder.
Dito concepto viría a unirse a unha recua de ideas de natureza xurídica que xa forman parte do imaxinario colectivo: a separación de poderes, a igualdade ante a lei, o principio de legalidade, a seguridade xurídica… Todos eles termos que, de seguro, escoitou nos últimos tempos e que poida que lle soen vellos, gastados e inverosímiles.
Levado ao terreo dos feitos o garantismo representaríase nas manifestacións do ministro de xustiza Catalá, que aló polo mes de febreiro do ano en curso, pedía prudencia á opinión pública ao respecto dunha eventual medida de prisión provisional para o duque de Palma, Iñaqui Urdangarín.
Tiña toda a razón o ministro cando afirmaba que “a prisión provisional era unha medida extraordinaria que debía de estar moi xustificada.”
De feito calquera medida de privación de liberdade é restritiva dun dereito fundamental e, no caso da prisión provisional, só podería determinarse en causas taxadas: risco de fuga, ocultación de probas, que se poda actuar contra bens xurídicos da vítima ou que se cometan outros delitos.
E é que por moi impopular que poida resultar, a xustiza debe dotarse de mecanismos garantistas e levaba razón o ministro Catalá cando pedía prudencia no tocante ao cuñado do rei. Prudencia e garantías para todos.
Metidos xa de cheo no campo da casuística atopámonos en supostos semellantes; hai nada enterámonos de que a sección segunda da Audiencia Nacional denegou a suspensión da medida de prisión provisional do líder independentista de Ómnium Cultural, Jordi Cuixart, xustificada nun risco de fuga ao estranxeiro.
Motivaban os maxistrados do tribunal competente que a presenza de Puigdemont e os ex consellers en Bélxica aumentaron dito risco, xustificando a denegación da medida.
Como vostede verá a lei é a mesma para todos e os xulgados e tribunais os competentes para interpretala. ¿Que está a pasar hoxe coa xustiza que está a perder todo o crédito? Eu só suxiro que precisamos de máis garantismo e menos “impresións provisionais” baseadas en criterios suxeitivos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive