20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

II Carreira Popular Ao Son do Masma

13-11-17

cartel carreira ao son do masma 2017 2 (2)Barreiros 13-11-17. Este sábado, 18 de novembro, celébrase en Celeiro de Mariñaos a II Carreira Popular Ao Son do Masma, organizada polo Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros

O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros segue a apostar pola defensa e posta en valor do río Masma. Proba disto é a realización de actividades que a asociación barreirense veu levando a cabo en relación a este enclave natural: o festival Ao Son do Masma, a limpeza do río no marco das accións do “Proxecto Ríos” de Adega, ou a Carreira Popular, que tivo no 2016 a primeira edición. Este sábado, 18 de novembro, terá lugar a segunda edición desta proba deportiva que conta con categorías infantil, adulta e adaptada. Este última pensada para a participación de persoas que, acreditando unha diversidade funcional e opten por non participar na categoría absoluta.

O percorrido da proba absoluta é dun total de 5600m. e discorre na súa totalidade polas beiras do río Masma ao seu paso pola parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos. O punto de saída para todas as modalidades está situado nas Escolas de Celeiros de Mariñaos, sendo tamén o mesmo punto de meta.

Ao remate da proba haberá avituallamento para as persoas participantes. E ademais, estas poderán facer uso das duchas habilitadas para esta ocasión, dispostas polo Concello de Barreiros, colaborador tanto con este recurso como autorizando a utilización das Escolas de Celeiro, de titularidade municipal.

A participación ten un coste de 5€ para as categorías adultas, e a inscrición, así como toda a información sobre esta carreira, están dispoñibles na páxina web: http://inscripciones.ranckr.com/evento/son-do-masma

Actividade dinamizadora da economía local

Esta actividade está pensada como unha forma de promoción dos recursos e atractivos da contorna barreirense. Así, dende Ollomao, considérase que a realización deste tipo de eventos poden servir como canle para a dinamización tanto social como económica do territorio. Así pois, aproveitando que esta ocasión pode supoñer a chegada de persoas de fóra do concello para tomar parte nesta proba, procurarase que este feito repercuta de maneira positiva na economía local. Para isto, a entidade organizadora destina fondos propios aos seguintes gastos:

-Sorteo dun vale de 200€ para desfruta dunha experiencia “turística” na Mariña, que integre tanto opción de aloxamento ou xantar, como a realización de actividades de aventura ou deporte, entre outras.

-Sorteo de 150€ en vales de compra, a gastar en establecementos de Barreiros.

-Agasallo dunha cesta de produtos elaborados na contorna, tales como Mel Alival de Barreiros; Fabas de Lourenzá da Cooperativa Terras da Mariña; Bombóns de Mar de Chocolates Moreno de Ribadeo e infusións Esencias da Mariña, de Foz.

Ademais de todo o anterior, esta proba está tamén concibida como un xeito de socialización. Con esta finalidade, ao remate da proba, haberá unha merenda para participantes e acompañantes, con empanadas, tortillas e castañas, todo isto adquirido en establecementos do concello.

Acto simbólico en apoio á Defensa da Sanidade Pública na Mariña.

Respondendo á proposta da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, na II Carreira Popular Ao Son do Masma haberá un breve acto simbólico de apoio á área sanitaria da Mariña, ao que se poderán sumar ás persoas presentes que o desexen. Este acto secunda accións como as xa levadas a cabo na XVIII Carreira Popular Concello de Viveiro-Memorial “Julián Bernal” que se organiza dende o C.D. Egovarros, ou outras como o concerto da Petit Band do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña está composta 98 adhesións de asociacións de todo tipo (veciñais, culturais, deportivas, de persoas enfermas, etc.), por persoas a título individual, así como por sindicatos e agrupacións políticas. A asociación Colectivo Cultural Ollomao, organizador desta carreira, é unha das máis de 30 asociacións adheridas a esta Plataforma que aposta por: que se retire o Proxecto de Reforma de Lei Galega de Saúde, que non se supriman as Áreas Sanitarias, que a Mariña sexa unha área integrada propia que non teña que depender de Lugo e que se mellore na atención primaria e se dote de recursos económicos e humanos para acadar unha mellor calidade asistencial.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive