20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Burela adxudicou en máis de 86.000 euros as obras de asfaltado que se acometerán en varias rúas da vila

13-11-17

Burela, 13 de novembro de 2017. O Concello de Burela ven de adxudicar as obras de asfaltado que se acometerán en varias rúas da vila. O investimento finalmente ascenderá a 86.000 euros, o que supón unha rebaixa de máis de 11.000 euros con respecto ao presuposto inicial. Algunhas das rúas que nas que se actuará serán na Avenida da Mariña, nun treito importante, Concepción Arenal, Pardo Bazán e Beiramar.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, anunciou este mediodía que “no Concello de Burela vimos de adxudicar unha obra que tíñamos enmarcada no Plan Único da Deputación e referida a asfaltados dentro do pobo”.
O edil burelés subliñou que “é unha obra bastante importante cunha contía tamén importante, xa que o presuposto ascendía a 98.111´57 euros. Finalmente despois da fase de ofertas das empresas saíu adxudicataria unha empresa que ofertou baixando máis de 11.000 euros o prezo de licitación e quedando finalmente en 86.251´74 euros”.
Fernández Rey engadiu que “esta obra tamén levaba encadeado un proxecto de melloras de asfaltado noutras rúas que a empresa tamén accedeu a facelo dentro do mesmo contrato. Esas melloras ascendían a 24.929´91 euros”.
O concelleiro de Obras explicou que “os asfaltados están referidos a varias zonas do pobo, onde víamos que era necesario unha reposición de firme xa que facía moito tempo que non se actuaba nesas zonas. A zona máis importante vai ser a Avenida da Mariña, nun tramo bastante grande, e a obra vai afectar tamén as rúas Concepción Arenal e Pardo Bazán”.
Ramiro Fernández dixo que “dentro do presuposto de melloras tamén imos actuar na rúa Beiramar en dous tramos que están bastante deteriorados, ademais nunha zona de Vilar nun cruce que está en bastante mal estado por unhas obras que fixemos alí e imos intentar deixar o firme ben. Ademais dos asfaltados evidentemente van incluídas no proxecto todas as cantidades que sexan necesarias nese tipo de vías”.
O concelleiro recalca que “foi un aforro importante na licitación con respecto ao presuposto que había de 98.111´57 euros, foi unha baixa importante que aproveitaremos para intentar facer outras obras dentro do Plan Único da Deputación”.
Fernández Rey manifestou que as obras faranse antes do Nadal, se dá tempo, e senón quedarían para despois desas datas “porque o que non queremos é ter as obras cortadas por obras nas navidades”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive