15 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Llano condena a Burela a que non se asenten novas empresas e os novos demandantes de emprego a traballar fóra do Concello”, afirma o PP

01-12-17

BURELA, 1 de decembro de 2017.- O Grupo Municipal Popular de Burela lamenta que o alcalde se opuxera a aprobar onte, no pleno celebrado pola Corporación, a inclusión do Concello no programa “Concellos emprendedores”, que se sustenta nun protocolo asinado o dez de outubro entre a Xunta e a FEGAMP, e polo que as entidades locais favorecen a instalación de novas empresas en base a bonificacións en certas taxas e impostos, conseguíndose, ademais, por parte da administración autonómica favorecer con discriminación positiva ás entidades locais que se inclúan nesta iniciativa á hora de conceder subvencións.

Os populares consideran que “Burela perde unha oportunidade de ouro para incrementar o seu tecido empresarial. Entendemos que aínda hai solo de uso industrial consolidado na zona de Perdouro, e que se deberían levar a cabo bonificacións para que se asenten empresas, xeren emprego e, por conseguinte, riqueza e asentar poboación”.

O Grupo Municipal indica que “na moción tamén incluíamos adoptar o acordo de desenvolver o solo empresarial urbanizable do Perdouro, unha bolsa de 180.000m2, a través dun proxecto de reparcelación e outro de urbanización, e poñer á venda as parcelas resultantes; algo ao que tamén se negou o alcalde, neste caso xa por segunda vez. Agora entendemos os motivos polos que non apoiou o PXOM, porque lle resbala que en Burela se asenten empresas”, insisten.

Os edís populares consideran que, deste xeito, o rexedor está condenando a Burela á parálise económica. “As empresas non son ongs e aséntanse non onde o alcalde fai xogos de maxia, senón onde as condicións de instalación lles son menos gravosas”. Asemade, indican, “se os concellos próximos acordan adoptar bonificacións, como xa hai algún, estaremos en clara situación de desvantaxa”.

Neste senso, aseguran que “os argumentos do alcalde foron, cando menos, surrealistas: desvinculou categóricamente o asentamento de novas empresas á existencia de bonificacións; dixo que coa nosa proposta e coa da Xunta estábamos enfrentando aos concellos;… e todo ante un público no que había empresarios e autónomos que se quedaron atónitos ante o que estaban oindo”, afirman.

Todo elo leva aos populares a concluir que Llano “condena a Burela a non contar con novas empresas, e condena aos novos demandantes de emprego a buscar emprego fóra. Debería de saber que se pretende que vivamos so do slogan de ‘Burela Bonita’ e actos culturais, imos apañados”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive