15 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Nadal para tod@s, con cruz vermella de Burela e PR Burela FS

05-12-17

soniafraga-cruzvermella17Burela 5-12-17. O Pescados Rubén Burela FS organizará unha campaña de recollida de alimentos este sábado, 9 de decembro, coincidindo coa visita do Software DELSOL Mengíbar a Vista Alegre (18.30 horas).

Baixo o lema ‘Nadal para Tod@s’, as persoas que así o desexen poderán facer as súas doazóns no pavillón, que irán destinadas a Cruz Vermella de Burela, con produtos non perecedoiros (aceite, legumes, latas de conserva, alimentos infantís, arroz, cacao, azucre, galletas, pasta, fariña, leite…).

POR UNHA BOA CAUSA! COA DOAZÓN DUN SÓ PRODUTO PODES AXUDAR MOITO!

Sonia Fraga: “Nestes momentos o que máis precisamos é aceite, conservas e, sobre todo, leite”

Dende Burela, a Cruz Vermella desenvolve o programa de apoio de entrega de alimentos a familias necesitadas, procedente de doazóns, fondos propios e do Fondo de Axuda Europea para os máis Desfavorecidos. “Sempre tratamos de entregar packs o máis equilibrados posible; os produtos que máis precisamos nestes momentos son aceite, conservas e, sobre todo, leite” explicaba a responsable da Área Social, Sonia Fraga, agradecendo calquera tipo de doazón.

Xunto a este programa, a Cruz Vermella de Burela tamén dispón de Apoio Urxente, para axuda puntual de pago subministracións da vivenda ou adquisición de medicacións necesarias; Apoio en Prevención da Exclusión Escolar, con axuda para material escolar ou participación en actividades escolares; Teleasistencia, con acompañamento social dentro ou fóra do domicilio e talleres lúdico-sociais; Éxito Escolar, con sesións educativas de apoio educativo, promoción da saúde, entrega de merendas, ocio e tempo libre…, entre outros.

Xoguete Novo, en marcha

A Cruz Vermella de Burela está inmersa ademais ao longo deste mes na iniciativa de ‘Xoguete Novo’, cuxo obxectivo se centra en que os nen@s de Burela que así o precisen poidan recibir polo menos un xoguete novo este Nadal. Así, dende a residencia de maiores Geriatros de Viveiro este sábado farán un mercado cuxa recadación será para a devandita iniciativa. San Cibrao tamén se sumará á campaña cunha Canastra Solidaria a través do club de baloncesto da localidade o sábado 16.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive