15 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Foz saca adiante tres novas propostas no pleno de novembro

03-12-17

Foz, 2 de decembro de 2017. O punto máis polémico da sesión foi o referente á aprobación do prego de cláusulas administrativas particulares e de prescripcións técnicas para a contratación da obra da Avenida Álvaro Cunqueiro. “O BNG puxo de manifesto en máis dunha ocasión a necesidade de facer un plan de mobilidade e habilitar aparcamentos e vías alternativas antes do comezo das obras para evitar problemas de tráfico e evitar na medida do posible colapsar a rúa do Pilar. Ademais esiximos que se lle dea prioridade ao estudo da creación dun aparcamento soterrado no solar de Vialmar, fronte á Casa da Cultura, tal como se recolle na moción presentada polo BNG en setembro de 2016 e aprobada polo pleno da corporación municipal”, explican as nacionalistas Seivane e Rego.
Finalmente apróbase o prego cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e os votos en contra de FPF e PSOE. “Somos coherentes coas decisións que tomamos e non vimos facer de veletas aos plenos. A proposta de remodelación da rúa foi aprobada por unanimidade. Ademais, dispoñemos dun convenio bianual, que xa está prorrogado, coa Deputación de Lugo, que tamén apoiou toda a corporación e nos orzamentos decidiuse por maioría destinar unha partida crediticia a esta obra. Recordamos tamén que a interventora dixo textualmente no Pleno extraordinario do 21 de novembro que ‘se non se emprega esa axuda no prazo establecido pérdese e o crédito que se adquiriu hai que pagalo, pero non se pode destinar a ningunha finalidade’”, engaden Seivane e Rego.
O BNG, pola súa parte, presentou tres mocións. A primeira delas insta á Xunta de Galiza a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade polo Pleno do Parlamento Galego, a cumprir e avaliar o grao de cumprimento da normativa recollida ao abeiro do Decreto lexislativo 2/2015 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e comprometer o apoio da Corporación ás mobilizacións locais e nacionais que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista os 365 días do ano. Esta moción foi aprobada por unanimidade.
En segundo lugar, e a raíz dos incendios que asolagaron Galicia nos últimos meses, as concelleiras nacionalistas presentan unha moción solicitando que se execute unha política de desenvolvemento rural que reverta o abandono dos núcleos rurais e das explotacións agrarias e forestais, que se realicen as modificacións lexislativas necesarias para a posta en valor do solo forestal e se regulen adecuadamente os problemas estruturais a nivel de ordenación do espazo rural e de medidas preventivas, que se acometa unha política forestal baseada no aproveitamento multifuncional do monte, que se estabeleza un único protocolo de emerxencias a nivel nacional e que se asuman as responsabilidades en materia de prevención. A moción foi aprobada a pesar da abstención do PP.
A última das mocións presentada é unha moción histórica, presentada previamente en maio de 2016. Nela debátese a posibilidade de solicitar a Portos a cesión da parcela do muelle que se usa para as autocaravanas, co fin de que o goberno do Concello de Foz poida redactar unha ordenanza reguladora da área de estacionamento de caravanas e autocaravanas, que sinalice e delimite a zona destinada a este uso, que se coloquen carteis informativos na zona especificando o número de prazas e as normas básicas do uso da mesma e que se encomende ao servizo competente a vixilancia desta zona e ao control e cumprimento da normativa. Apróbase a moción por unanimidade.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive