20 de Xaneiro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Viveiro demándalle ao goberno municipal adoptar medidas preventivas de seguridade e salubridade na contorna dos edificios de seiramar e do serra co fin de eliminar o perigo existente para a veciñanza de Viveiro e Covas

30-12-17

foto Edificación CovasViveiro 30-12-17. O BNG de Viveiro ven de rexistrar no Concello un escrito dirixido ao Goberno de María Loureiro para esixirlle adoptar medidas preventivas de seguridade e salubridade ao longo de todo o perímetro dos edificios de Seiramar (Covas) e do Serra (Pontelabrada-Viveiro), para dar protección e velar pola seguridade da veciñanza e viandantes que frecuentan estas zonas de Covas e Viveiro, debido ao lamentable estado de abandono no que se atopan estas edificacións e que son obxecto de preocupación das veciñas e veciños destas contornas, e cuxas queixas lles fixeron chegar ás/aos nacionalistas viveirenses.
A organización nacionalista, logo de comprobar o estado de abandono e deterioro destes inmobles cren efectivamente que existe un perigo real para os viandantes e que de non poñerlle solución inmediata a esta situación, pode chegar a provocar unha traxedia os posibles desprendementos de elementos deteriorados das fachadas destes edificios, ademais de ser dous perigosos focos de salubridade para as veciñas e veciños destas zonas, dado que se converteron nun niño de infeccións, insectos e ratas por mor da acumulación de lixo.
Desde o BNG de Viveiro teñen claro que é responsabilidade do Concello adoptar as medidas preventivas de seguridade e salubridade, por conta dos propietarios, para dar protección e velar pola seguridade da veciñanza e viandantes que frecuentan estas zonas de Viveiro e Covas. Medidas que deben traducirse, por exemplo, na instalación de mallas de seguridade nas fachadas dos edificio para evitar posibles desprendementos e/ou valados ao longo das zonas perimetrais destes edificios.
O BNG de Viveiro entende que o goberno municipal debe pedir os informes técnicos municipais correspondentes sobre estes inmobles para comprobar se se dan as condicións para a declaración de ruína das edificacións e proceder conforme establece a lei para estes supostos ou de non darse as condicións, para requerirlle aos propietarios destes edificios a execución das obras de reparación, conservación e mantemento dos mesmos nas debidas condicións de seguridade, salubridade e ornato conforme ao establecido na Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do concello de Viveiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive