15 de Decembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Presidente leva a súa proposta de Orzamento para 2018 ao Pleno ordinario de decembro, que adianta

05-12-17

FOTO-FIRMA-SABADELLLugo, 5 de decembro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este martes que ten lista a súa proposta de Orzamento da Deputación para 2018 e que a presentará ao Pleno de decembro cuxa data de celebración correspondente, que é o martes 26 deste mes, decidiu adiantar para a semana anterior. Campos Conde adiantou que o presuposto propio da Deputación para o vindeiro ano, é dicir, sen ter en conta o dos organismo dependentes (SUPLUSA, Consorcio de Bombeiros e TIC), ascende a case 79,5 millóns de euros, baixando en máis de 1 millón con respecto ao ano pasado, debido ao recorte nas aportacións do Estado.

As liñas de actuacións do mesmo que estableceu o Presidente son o fomento do emprego, dos servizos sociais e das infraestruturas nos 67 Concellos “dentro da miña aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural. É un orzamento que responde por igual as necesidades dos máis de 300.000 veciños da nosa provincia”, subliñou.

“Destes case 79,5 millóns de euros, uns 11 millóns serán para o Plan Único que, tal e como fixen no 2017, incrementarei con remanentes, intentando superar os 20 millóns de euros”, salientou. Cómpre lembrar que este ano dito plan financiouse con 10 millóns de fondos propios da Deputación e 10 millóns de remanentes.

A Deputación, o motor social da provincia
“No 2018, seremos de novo a institución galega que máis inviste en emprego, servizos sociais e obra pública nos 67 Concellos, facendo que a Deputación siga sendo, con maiúsculas, o motor social desta provincia” destacou. Neste senso, o Presidente avanzou que a día de hoxe o presuposto consolidado da Deputación no 2017 (neste caso, tendo en conta tamén o de SUPLUSA, Consorcio de Bombeiros e o da TIC) ascende a case 130 millóns de euros tras a incorporación dos ordinarios remanentes que se foron xerando ao longo da presente anualidade. “Desta importante cantidade de fondos públicos, levamos aprobado investimentos para os máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos que superan os 113 millóns e que representan o 86% do orzamento de 2017”, subliñou.

128 millóns en investimentos para os máis de 300.000 lucenses
A estes 113 millóns de euros, súmanse agora outros 15 millóns, que proveñen dun operación de crédito da Deputación co Banco Sabadell que hoxe mesmo asinou Campos Conde e os Directores de Banca Empresas Noroeste e de Administracións Públicas de dita entidade, Francisco Rivas e Ignacio Rodríguez, respectivamente. “Con estes 15 millóns, conseguimos investimentos para os veciños dos 67 Concellos da provincia de 128 millóns, que forman parte dos seus fondos públicos na Deputación para 2017”.

Obras de 15 millóns en estradas provinciais dos 67 Concellos
Hai tempo que o Presidente da Deputación propuxo ao Pleno acudir a unha operación de crédito de 15 millóns de euros para executar un plan de mellora de estradas provinciais nos 67 Concellos da provincia. “Fixen esta proposta por dúas cuestións: 1).-porque temos unha situación económica na Deputación envexable, cunha débeda financeira de cero euros, que non permite facelo. Todo isto grazas ao traballo levado a cabo polos meus compañeiros dende o Goberno Provincial, pois fomos capaces de non deixar de investir en proxectos de futuro para a provincia e de atender ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses, ao tempo que saneamos as contas do organismo provincial. Creo que é preciso lembrar que, cando chegamos ao Goberno no 2007, a Deputación tiña unha débeda superior aos 120 millóns de euros, que deixamos en cero”.

2.000 quilómetros de aglomerado en quente
“2).- A segunda cuestión que tiven en conta para propoñer esta operación de crédito foi a extensión da rede viaria provincial, que é a máis extensa de España. A Deputación é responsable de máis de 4.200 quilómetros de estradas, que discorren polos 67 Concellos da provincia. No último ano e medio, fixemos un esforzo inversor para a súa mellora duns 10 millóns de euros, que nos permitiron chegar aos 1.300 quilómetros de aglomerado en quente, tendo en conta o conxunto de actuacións que executamos dende 2007. Para continuar con esta intensa actividade, que cremos que é necesaria, así como para acadar os 2.000 quilómetros de aglomerado en quente, acudimos a esta operación de crédito de 15 millóns de euros, cos que garantimos melloras en estradas provinciais nos 67 Concellos”, explicou.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive