20 de Xaneiro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

800 rapaces da Mariña participan na semana da prevención de incendios que se está a desevolver no pavillón da Veiga de San Cibrao

11-01-18

110118 RCP Semana PrevenciónCervo, 11 de xaneiro de 2018.- A Semana da Prevención de Incendios do Concello de Cervo foI inaugurada no día de hoxe polo alcalde, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, e por Hilda Rubal, en representación de Alcoa San Cibrao.
Estaba previsto que as xornadas se prolongasen dende onte mércores ata o venres, pero a alerta meteorolóxica obrigou a suspender a actividade no día de onte, e os alumnos que tiñamos previsto acoller foron recolocados nestas dúas xornadas.
Así, foron convidados por parte do Concello de Cervo todos os centros escolares da contorna, e serán uns 800 os escolares de toda a Mariña os que participarán nesta actividade didáctica que se está a desenvolver no Pavillón da Veiga.
Hoxe foi a quenda dos alumnos do Colexio Landro, de Viveiro, do CEIP do Vicedo e dos rapaces do IES Marqués de Sargadelos.
Cabe recordar que, aínda que as xornadas están fundamentalmente dirixidas á comunidade escolar, calquera persoa pode achegarse polas instalacións entre as 10:00 e as 14:00 horas e recibir consellos sobre como actuar no caso de que produza un incendio.
O obxectivo da iniciativa, tal e como destacou o rexedor cervense, Alfonso Villares “é transmitir á poboación coñecementos de autoprotección, que aprendamos a recoñecer o risco de incendio na nosa contorna, na nosa vida cotiá; nos fogares, nos centros de traballo ou nos lugares de ocio”.
No Pavillón da Veiga hai instalada unha casiña de fume, que é un dos principais atractivos para os máis novos (unha estrutura inchable, duns 400 metros cadrados de superficie, que se enche de fume inocuo –xerado por xeo- para explicar aos menores como realizar unha evacuación en caso de incendio), danse charlas, consellos pedagóxicos para a prevención de incendios en idade infantil, talleres de primeiros auxilios, recomendacións a seguir no caso de incendio na cociña, hai exposición de medios de extinción, visualización de simulacros, charlas de autoprotección escolar e estase a entregar material didáctico aos nenos (uns 4000 manuais de prevención adaptados ao máis novos; ademais de chalecos de seguridade cortesía de Alcoa, e cascos); entre outras actividades.
Os profesionais alí presentes explicáronlle aos nenos que en caso de incendio no fogar o primeiro que se debe facer é chamar ao 112; e brindáronlles consellos como que é fundamental manter a calma, que é importante non agocharse, manterse en espazos nos que estean visibles; non utilizar o ascensor en ningún caso, tapar as rendixas con toallas húmidas, se hai fume gatear protexendo o naris e a boca e non sair á escada; seguir en todo momento as instrucións dos bombeiros e agardar a ser rescatado, non sair nunca a través da ventá; entre outras moitas recomendacións.
Villares agradeceu aos responsables da distintas entidades promotoras da Semana da Prevención que Cervo sexa un dos municipios elixidos para desenvolver esta actividade que en Galicia estivo só en cidades como a A Coruña e Lugo.
As xornadas continuarán no día de mañá coa visita dos Colexios de Cervo e San Ciprián, entre outros centros, en horario de 10:00 a 13:40 horas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive