19 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación aumenta aos 51.500 euros a axuda á ASPANANE e reforza o único centro ocupacional para discapacitados intelectuais da Mariña Occidental

12-01-18

DEPUTACION-ASPANENE VIVEUROLugo, 11 de xaneiro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e á Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, informou este xoves que o Goberno Provincial vén de incrementar a súa axuda á ASPANANE ata os 51.500 euros para reforzar o servizo de Centro Ocupacional que este colectivo ofrece en Viveiro a persoas con discapacidade intelectual, sendo as únicas instalacións da Mariña Occidental con esta prestación.

Campos Conde destacou que “Deputación e Concello somos as únicas administracións públicas que colaboramos con ASPANANE, sumando esforzos con este colectivo co obxectivo de ofrecer un servizo imprescindible para ducias de familias da Mariña, que non ofrecen as institucións coas competencias na materia. Conxuntamente, chegamos ás 50 prazas no centro ocupacional. É dicir, facemos posible que 50 veciños con discapacidade intelectual reciban a atención diaria e profesional que requiren”.

Neste senso, o Presidente explicou que ASPANANE ofrece a veciños con discapacidade intelectual unha atención profesional diaria (tanto aos propios afectados como as súas familias) e múltiples actividades que favorecen a súa integración social e laboral. Por exemplo, obradoiros de carpintería, serigrafía, tampografía… así como iniciativas deportivas, culturais ou lúdicas.

Todo isto nunhas instalacións municipais que o Concello de Viveiro decidiu ceder gratuitamente a este colectivo para contribuír á prestación deste servizo único en toda a Mariña Occidental, que non ofrecen as administracións coas competencias na materia e por iso o fai esta asociación sen ánimo de lucro, que integran xa 224 familias (Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais).

Actualmente, son 35 os veciños de Ourol, Viveiro, O Vicedo, Xove e Foz que acoden diariamente ao centro ocupacional que ofrece ASPANANE en instalacións municipais, habendo listaxe de espera. Por este motivo, a Deputación decidiu financiar na súa totalidade as obras necesarias para poder incrementar este servizo noutras 15 prazas, chegando ás 50. Fíxoo con 51.500 euros.

Con estes fondos, en primeiro lugar renovouse a fachada do edificio onde se sitúa o centro ocupacional, poñendo fin ás filtracións de auga e goteiras e mellorando o illamento. Para gañar novo espazo, a continuación iniciouse o acondicionouse do interior da nave contigua a estas instalacións, que estaba en desuso. Fíxose a división de espazos, así como os traballos de electricidade e fontanería. Finalmente, substituíse o pavimento de todo o chan. Nesta nave renovada de 400 metros cadrados situaranse as salas de uso múltiples e descanso, aulas para a celebración de obradoiros, ademais das dependencias dos 21 profesionais que traballan neste colectivo (traballadores sociais, psicólogos, fisioterapeutas, persoal de cociña ou limpeza…).

Ademais de ampliar as prazas, con estas obras o Goberno da Deputación consegue que as instalacións de ASPANANE se adapten ao novo Decreto 149/2013 que aprobou a Xunta de Galicia, permitindo a continuidade deste servizo.

Hoxe Campos Conde, Loureiro García, López Izquierdo e membros de ASPANANE comprobaron o resultado do conxunto de traballos. A día de hoxe, está en funcionamento unha parte da nave. Nas vindeiras semanas espérase o seu pleno rendemento, pois ASPANANE vai a situar o equipamento necesario. Para a súa compra, este colectivo conseguiu unha axuda de 9.000 euros a través da Asociación Terras de Miranda.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive