16 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta completou o cen por cen das solicitudes dos cursos de socorrismo promovidos por concellos e entidades lucenses

02-01-18

020118 Curso socorrismo Xove 3Xove, 2 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a realización de catro cursos de socorrismo na provincia de Lugo que permitirán que ata 60 persoas reciban, sen custe para os participantes, a formación teórica e práctica necesaria para velar pola seguridade dos usuarios de piscinas e praias.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, visitou ao alumnado do curso que se imparte nesta localidade e alí explicou que o Goberno galego completou o cen por cen das solicitudes destes cursos promovidas por concellos e entidades lucenses.

A administración autonómica busca dar resposta a unha crecente demanda das propias entidades locais que, sobre todo en verán, precisan contar con profesionais que dispoñan da formación necesaria que habilita para desenvolver esta actividade. De feito, estes cursos dan dereito aos participantes a obter o correspondente certificado de profesionalidade.

Catro cursos de socorrismo na provincia de Lugo
Neste momento está en marcha o curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais impartido polo Concello de Xove, con catorce alumnos e hai previsto outro curso máis, neste caso na especialidade de socorrismo en instalacións acuáticas, con data de inicio no mes de marzo.

Pola outra banda, tamén está en marcha, na cidade de Lugo, un curso programado pola Cruz Vermella, tamén de socorrismo en instalacións acuáticas con 15 alumnos. E finalmente, para desenvolverse ao longo de 2018 –aínda sen data de inicio específica- a Xunta concedeu a unha entidade homologada, outro curso máis, nesta mesma especialidade, que se impartirá en Ribadeo pola empresa Serviocio Ourense.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, destina preto de 128.000 euros para impartir estes cursos dirixidos a persoas en situación de desemprego. Os promovidos polo Concello de Xove están incluídos na programación de accións formativas para desempregados (AFD) namentres que os dous restantes forman parte do programa de garantías xuvenil, dirixido a menores de 30 anos. De todos eles pode obterse máis información nas oficinas de emprego da Xunta.

O curso completo de socorrismo en instalacións consta de 370 horas de teoría e práctica no que se dan técnicas de natación, primeiros auxilios, prevención de accidentes e rescate de accidentados, ademais de prácticas non laborais en instalacións. No caso de socorrismo en espazos naturais, o curso ten unha duración de 420 horas e habilita en específico para desenvolver esta actividade en praias e areais.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive