20 de Xaneiro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Deron comezo as obras do saneamento e conexión coa rede xeral en Sanxillao (Vilaframil) nas que o Concello inviste 57.000 euros de fondos propios. Suárez Barcia agarda que no 2018 “a Xunta se poña as pilas” e invista en Ribadeo neste tipo de traballos

11-01-18

Ribadeo, 11 de xaneiro de 2018. Comezaron as obras do saneamento e conexión coa rede xeral en Sanxillao (Vilaframil) nas que o Concello de Ribadeo está a investir de fondos propios máis de 57.000 euros. Os traballos terán un prazo de execución dun mes. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que no 2018 a Xunta de Galicia se poña as pilas e invista en Ribadeo en obras de saneamento.
O rexedor sinalou que “tal e como dixemos, a importancia do feito de ter aprobados os orzamentos deste ano en curso xa no ano pasado, que nos permite con toda potencia ir facendo todas as obras que tíñamos previstas. Unha delas é este saneamento e conexión coa rede xeral en Sanxillao, en Vilaframil, para o cal nestes días a empresa adxudicataria, que se chama Obras e Saneamentos de Galicia, está executando as obras cun importe de máis de 57.000 euros, de fondos propios municipais. Vaille levar aproximadamente un mes o prazo de execución”.
Suárez Barcia explicou que “vanse recoller os vertidos deste núcleo ata un punto baixo, de aí vanse levar mediante unha impulsión, a través dun bombeo, ata a rede xeral. Para iso no Concello fixemos un proxecto e tivemos que pedir unha serie de informes que eternizaron o proceso: a Estradas do Estado, a Estradas da Xunta, a Augas de Galicia e tamén a FEVE”.
O alcalde ribadense engadiu que “este novo saneamento vai ir conectado á arteria principal de saneamento que temos desde hai anos desde A Devesa ata a depuradora de Vilaselán, todo pola costa. Esta arteria tivo ata agora un escaso desenvolvemento, agás polas obras que puidemos ir executando desde o Concello de Ribadeo, con axuda da Deputación e pouco máis, a pesares de que o pleno da Corporación xa hai cerca dun ano pediulle á Xunta que invista parte do canon de saneamento que drena de todos os usuarios de Ribadeo anualmente, que o devolvese en forma de obras, e pediámoslle uns 500.000 euros. De todo iso non volvemos saber nada, a pesar de que a petición foi unánime por parte de toda a Corporación. En todo caso confiemos que neste ano 18 se poñan as pilas e teñamos boas noticias sobre un deber que teñen que facer desde a Xunta de Galicia”.
Fernando Suárez dixo: “en todo caso nós, desde o Concello de Ribadeo, na medida das nosas posibilidades seguimos traballando e avanzando nos saneamentos”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive