19 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Música, cine, teatro, os IES literarios e dous certames son algunhas das propostas culturais do Concello ribadense para o primeiro trimestre de 2018. Os folletos con esta axenda estarán ilustrados con imaxes de amantes da fotografía de Ribadeo e comarca

11-01-18

110118 FARRUCO GRAÑA (PRESENTACIÓN AXENDA CULTURAL XANEIRO-MARZO)Ribadeo, 11 de xaneiro de 2018. Música, cine, teatro, os IES literarios e dous certames conforman a axenda cultural do Concello de Ribadeo para o primeiro trimestre de 2018. O programa foi presentado esta tarde por Farruco Graña.
O concelleiro de Cultura dixo que “antes de entrar no que é a presentación da axenda cultural deste trimestre en Ribadeo queremos nomear dúas convocatorias moi interesantes e con premio. Presentámolas no seu día mais lembrámolas por entrarmos xa de cheo nos prazos en que poden presentarse os traballos. A primeira é o II Certame literario e de artes plásticas xuvenil Concello de Ribadeo, que busca premiar propostas creativas de mozas e mozos dos concellos da Mariña. Un premio de 500 euros recoñecerá os traballos gañadores en cada categoría e o prazo de presentación remata o 31 de marzo deste ano. Tedes toda a información na web do Concello, no apartado de novas. E a segunda é a dos II Premios youtubeir@s, convocado pola USC, a Universidade de Vigo, a Deputación da Coruña e unha serie de concellos entre os que está Ribadeo. Trátase de premiar os vídeos en galego na rede. Persoas mozas e maiores que teñan algo que contar optarán a tres premios de 1000 euros e 5 de 500. Sabemos que en Ribadeo xa hai diversos colectivos ,ou persoas a título individual, que soben vídeos á rede. Son unhas veces titoriais de como facer algo, ou expresión das súas opinión sobre diversos temas. Animámolas a todas a presentarse ao concurso de Youtubeir@s que remate o 15 de marzo”.
Sobre a axenda cultura para este trimestre o edil nacionalista contou que “continuamos este ano cos IES Literarios para achegar obras e autoras e autores aos centros de ensino. Eva Mejuto, por exemplo, falará da súa exitosa obra 22 segundos este trimestre no IES de Ribadeo. E no apartado das artes da imaxe, este sábado, 13 de xaneiro, ás oito da tarde no teatro teremos unha mostra de cinema galego na variante de curtametraxe a través do ciclo Ficciónate. Poderemos ver curtametraxes e teremos a oportunidade de escoitar tamén os seus directores”.
Graña seguiu a relatar que “en canto á música, unha vez máis presentamos un abano de diferentes estilos. Na fin de semana do 20 e 21 de xaneiro a EMMDR organiza o Curso de Música Tradicional. O coro Uganda Natumayini, que xa actuara con grande éxito hai uns anos no noso Teatro, volve tamén nun concerto solidario o 1 de febreiro. Como vén sendo habitual desde a súa creación, o Concello de Ribadeo celebra o Día de Rosalía de Castro. E así, o 24 de febreiro, o día do seu nacemento, poderemos asistir ao concerto da formación feminina Áureas. A música clásica ten o seu espazo no mes de marzo co concerto de piano das ribadenses M. Ángeles Ríos e Mercedes Eiros. E tamén neste trimestre poderemos asistir ás Audicións do alumnado da EMMDR”.
O programa Apego tamén estará moi presente na programación cultural de Ribadeo, “que como saberedes xiran en torno á infancia e á transmisión do noso idioma. O día 25 de xaneiro e en colaboración co alumnado do ciclo de infantil do CIFP Porta da Auga habería unha sesión de arrolos no Teatro para os bebés máis noviños. Para estes obradoiros será preciso anotarse. Xa para nenos e nenas máis grandiños, de 3 a 8 anos , a compañía Elefante Elegante representará a Danza da choiva. Tamén para esas idades e a través do programa Ler conta moito haberá unha sesión de animación á lectura na biblioteca pública. E volvendo aos bebés, pero xa ata os 4 aniños , temos dúas sesións para as que tamén hai que inscribirse, co espectáculo de percusión e arpa de Marcelo Dobode e Bea Martínez titulado Percubebés”.
O concelleiro de Cultura aludiu ao teatro que se poderá ver en Ribadeo estes meses, “comezamos con comedia a finais deste mes. O día 28 de xaneiro Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei poñen en escena Falar sen cancelas. Xa en marzo recibimos ao grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, coa súa exitosa Enciclopedia Álvarez e tamén nese mes un dos espectáculos máis premiados no noso panorama teatral. Ibuprofeno Teatro representará Raclette, premio Maria Casares ao mellor texto, premio Álvaro Cunqueiro, mellor espectáculo na feira teatral de Ciudad Rodrigo, mellor espectáculo na feira de Castilla e León, etc, etc….en fin, unha proposta da compañía de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre que non podemos perder”.
E engadiu: “para rematar, animar a todos os veciños e veciñas a participar no Entroido, a festa máis importante deste trimestre. A súa programación será presentada dentro duns días”. Farruco Graña indicou que “os folletos coa programación cultural do Concello de Ribadeo estarán ilustrados con fotos de persoas amantes da fotografía en Ribadeo e comarca. Nesta primeira ocasión podemos ver unha imaxe de Javier Peña. Agradecemos a todos os homes e mulleres afeccionados á fotografía a súa colaboración coa Concellaría de Cultura”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive